Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ondas de nove metros

A flota segue amarrada ao tempo que volven á procura dos desaparecidos

Redacción / EP - 12:15 16/01/2008

O buque Don Inda, de 80 metros de eslora, e o helicóptero Helimer Galicia reiniciaron a primeira hora deste mércores as tarefas de busca dos catro mariñeiros desaparecidos do pesqueiro Cordero, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Sociedade de Salvamento Marítimo.

Aínda persiste o temporal nas augas galegas onde se produciu o naufraxio, con ventos de forza 8 a 9 (de 75 a 88 quilómetros/hora) e ondas duns seis a nove metros, segundo as predicións que manexa o Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra.

Por iso, á zona do naufraxio só se desprazaron polo momento o Don Inda e o helicóptero, aínda que Salvamento Marítimo confirmou que o resto de equipos están preparados para sumarse ao dispositivo unha vez que melloren as condicións meteorolóxicas.

Os catro desaparecidos poderían estar dentro do buque afundido
Os catro desaparecidos no naufraxio do Cordero son dous galegos, Alberto Otero González e Xosé Afonso Sotelo, e outros dous de nacionalidade indonesia. Outros tres tripulantes puideron ser rescatados con vida, Marco Antonio Ures, Xosé Manuel Parada e Hendra Hemoguan, e un cuarto foi atopado morto, Francisco Alboreda Rey.

O director xeral de Recursos Mariños da Consellaría de Pesca, Antonio García Elorriaga, non descartou que algún dos catro mariñeiros desaparecidos tras o naufraxio do arrastreiro poida estar no interior do buque afundido, que se atopa a 320 metros de profundidade no lugar do sinistro, a 20 millas do Cabo Prior.

"Sempre cabe esa posibilidade", admitiu García Elorriaga, que este mércores compareceu xunto aos medios de comunicación xunto co secretario de Estado de Transportes, Fernando Palau, para informar do operativo de rescate.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: