A Federación de Comunicación e Transporte deste sindicato cre que a Xunta tamén ten responsabilidades no sinistro.
Comisións Obreiras atribúe a última traxedia no mar a un “conxunto de irresponsabilidades”. O secretario xeral da Federación de Comunicación e Transporte, Ramiro Otero, pregunta “quen deixou saír o barco con estas condicións climatolóxicas” e lembra que a Xunta tamén ten responsabilidades nisto.
Segundo Otero, na pesca galega “hai un problema de falta de tripulacións” que obriga a traer man de obra de fóra, ás veces con pouca capacitación. Cre que a Xunta ten que velar para que “as persoas que van a bordo dun buque pesqueiro coñezan o seu funcionamento e a normativa de seguridade”. Mais Otero tamén fala da responsabilidade dalgúns empresarios que “tratan de obter beneficios rápidos rebaixando os custos laborais”.