"Negar a política e o diálogo é tanto como negar a solución dos problemas". Achegámoslles a tradución do artigo de Iñigo Urkullu, Unai Ziarreta e Javier Madrazo.
Como interpretar que os principios aplicados por un tribunal poidan ser a base para exonerar de responsabilidade penal a un banqueiro e que ese mesmo tribunal, nun procedemento de características parangonábeis, esqueza os seus propios criterios e condene a tres representantes públicos?  
  
  Como entender que tras un sobresemento da causa e dúas sentenzas absolutorias se retorza a lectura xurídica dun caso até alcanzar a condena?   
  
  Como comprender que todo o mundo se equivoque na interpretación da lei -Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, Ministerio Fiscal?- salvo a escabrosa e montaraz verdade xurídica dun sindicato ultradereitista, antisistema e de dubidosa reputación democrática?   
  
  Como crer na independencia duns xuíces que, en contra ata do criterio do Ministerio Fiscal e co único soporte dunha acusación popular exercida por un sindicato ultra, non detiveron a súa actuación ata alcanzar o obxectivo condenatorio nun exemplo claro da frase popular de "quen a segue conséguea"?   
  
  A Sentenza do Tribunal Supremo coñecida o pasado luns pola cal se condena a Juan María Atutxa, Gorka Knörr e Kontxi Bilbao por un delito de desobediencia é, sen ningunha dúbida, unha das decisións máis graves e de maior alcance que representantes dun poder do Estado español protagonizaron contra a vontade democrática da sociedade vasca desde o estabelecemento da democracia.   
  
  Decisión grave non polo seu impacto persoal, que tamén, senón pola intromisión, desaforamento e deslexitimación que supón contra as institucións vascas, e especialmente contra o Parlamento vasco, órgano lexislativo da Comunidade Autónoma Vasca, cuxa independencia, autoorganización e lexitimidade foron saboteadas pola interferencia dun poder alleo, contravindo non xa a separación de poderes senón a súa esencia diferenciada marcada no ordenamento xurídico vixente.   
  
  Decisión de gran alcance xa que, de momento, o Tribunal Supremo atropelou a unha das institucións comúns que os vascos referendamos á hora de estabelecer o noso vínculo de convivencia no Estado español, ao amparo do título oitavo da Constitución e o seu desenvolvemento no Estatuto de Autonomía de Gernika.   
  
  Dicimos de momento porque moito nos tememos que esta última actuación xudicial politizada, estimulada polos que desexan abortar o autogoberno vasco, sexa a antesala de novas iniciativas arbitrarias, revestidas dun soporte xurídico indefendíbel, que teñan como horizonte próximo a condena do diálogo político e como consecuencia práctica a sanción e inhabilitación da máxima institución do país, do lehendakari de Euskadi.   
  
  A sentenza do Tribunal Supremo non é unha casualidade nin un feito illado.   
  
  Nestes case trinta anos de autogoberno vasco a vontade política expresada nas urnas, os marcos xurídico-políticos de convivencia pactados entre Euskadi e o Estado español foron sistematicamente coartados, recortados, limitados e reconvertidos. Ás veces foi debido á acción política, mediante leis vulneradoras de dereitos; noutras ocasións, as máis, a agresión procedeu da actuación constante e pertinaz dunha xustiza politizada ao servizo da desnaturalización do autogoberno vasco. Marcos competenciais esvaecidos, limitación na capacidade de xestión, sentenzas uniformadoras, etc., sucedéronse en todo este tempo grazas á constante deriva dun poder xudicial que, maioritariamente, pasou da ditadura á democracia sen transición algunha e sen reciclaxe democrática.  
  
  Pero dun tempo para acó a vocación política de determinados maxistrados e órganos xudiciais fixo que a intromisión xudicial no ámbito político provoque situacións límite como a que hoxe vivimos.    
  O intento de anulación, pola vía de feito, do Concerto Económico provocada polo propio Tribunal Supremo, coa súa próxima vista pre-xudicial na Corte de Luxemburgo; a validación de leis excepcionais ilegalizadoras de ideas e formacións políticas, de aplicación arbitraria, dando cobertura á restrición de dereitos civís que penalizan a unha parte da sociedade á que se lle priva do seu dereito á libre elección; a supeditación da actuación e a autonomía parlamentaria reflectida na sentenza ditada contra Atutxa, Knörr e Bilbao e a criminalización do diálogo para alcanzar a paz co procesamento do lehendakari e doutros representantes políticos fainos pensar que estamos ante un grave risco de involución política.   
  
  Algúns dirán, na súa compracencia e afinidade cos obxectivos definidos por esta estratexia de xustiza politizada, que a pretensión de quen asinamos este escrito é presionar aos maxistrados, que só aceptamos os autos xudiciais cando estes nos son favorables. Dirán igualmente que pretendemos situar aos nosos representantes institucionais por encima da lei. E non é certo.   
  
  Pretendemos unha Administración de Xustiza como poder independente, pero de ningún xeito admitiremos unha Xustiza como poder con autonomía política.  
  
  A nosa pretensión non é nin presionar os xuíces nin menoscabar a súa imparcialidade. Non queremos nin favores xudiciais nin situar ás nosas institucións e aos seus representantes por encima da lei.   
  
  A nosa voz álzase para denunciar unha estratexia que nos conduce ao derrube da democracia. Unha estratexia que utiliza a determinados xuíces como partisanos, como ariete de choque contra a vontade da cidadanía. E como representantes desa mesma cidadanía, máis que nunca, reivindicamos a acción política e, porque é consustancial a ela, o valor do diálogo. Acción política e diálogo sen molestias nin procedementos viciados que impidan a convivencia e o entendemento. Negar a política e o diálogo é tanto como negar a solución dos problemas e dos conflitos políticos como o que afecta ao noso país.   
  
  As institucións que hoxe ven erosionadas pola vía xudicial son o froito da vontade da sociedade vasca. Vontade que hoxe e mañá se seguirá expresando para decidir o seu presente e o seu futuro.   
  
  Con ese afán, en defensa da lexitimidade, da dignidade das institucións vascas e dos seus representantes, e como resposta cívica dun Pobo que esixe respecto á súa vontade democraticamente expresada convocamos a toda a cidadanía vasca a manifestarse pacificamente este sábado, día 26 de xaneiro, ás 18 horas, polas rúas de Bilbao.   
  
  *Iñigo Urkullu, Unai Ziarreta E Javier Madrazo son presidente do EBB de EAJ-PNV, presidente de EA e coordinador xeral de EB, respectivamente.   
  
  Tradución do artigo orixinal publicado no diario Deia.