O BNG denuncia que no capítulo de investimentos a dotación é de 0 euros, mentres que se favorece a xestión privada de centros, residencias e escolas infantís.
Promover a xestión privada dos centros asociados ao Consorcio de Igualdade e Benestar e paralizar os centros, residencias e escolas infantís previstas polo bipartito. Segundo o BNG, este é o obxectivo que se marcou o Goberno no referente ás políticas sociais.
O portavoz do grupo parlamentario nacionalista, Carlos Aymerich, denunciou a demora na aprobación dos orzamentos do Consorcio para o presente ano. Ademais denuncia que a previsión é que a dotación non medre respecto a 2009, malia o incremento de número de unidades e de usuarios.
Aymerich salienta que, mentres no capítulo de investimentos a dotación é de 0 euros, o capítulo dous contempla unha partida de catro millóns para a privatización dos centros de día. Entende que, con estes datos, quedan demostradas "as políticas antisociais" e de "falsa austeridade" de Núñez Feijoo.