Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
NA PROBA DISPUTADA EN CANGAS

Gómez Noya, campión de España de triatlón

Cunha exhibición dende o comezo, o deportista ferrolán conquistou por segunda vez o título. A catalá Eva Ledesma foi a gañadora na categoría feminina.

Redacción - 17:40 20/09/2009
Eva Ledesma é campiona de España na categoría feminina

Eva Ledesma é campiona de España na categoría feminina

O triatleta ferrolán, Xabier Gómez Noya, fíxose acredor este domingo do Campionato de España de Triatlón. O deportista do Club Fluvial de Lugo conquistou así por segunda vez este título, demostrándose imbatíbel ante os seus adversarios e impoñéndose nunha proba na que quedou por diante do cacereño José Manuel Tovar e o vitoriano Eneko Llanos.

Logo de regresar o pasado martes de Australia, onde se proclamou subcampión do mundo, nesta proba fixo a súa propia carreira, á marxe do resto dos participantes, que non lle puideron facer sombra. Saíu primeiro da auga logo dos 1.500 metros de natación disputados na praia de Rodeira. Coa renda conseguida a nado, iniciou xa unha aventura en solitario mantendo a súa vantaxe nos 40 quilómetros de ciclismo.

Perseguido por Eneko Llanos e polo ordense Iván Raña, no quilómetro 20 Noya xa contaba cunha vantaxe de 50 segundos ao segundo e de un minuto sobre o pelotón. Ao inicio da carreira a pé, Gómez Noya mantiña un minuto e medio sobre o gran grupo e xa tiña, practicamente, asegurada a vitoria.

Finalmente, a clasificación deparou os seguintes tempos:

1. Xabier Gómez Noya (Cidade de Lugo Fluvial) 1h.59:49
2. José Manuel Tovar (Independente) 2h.01:30
3. Eneko Llanos (SVC-Seguridad) 2h.01:37
4. Daniel Rodríguez (C.T.O.A.) 2h.02:09
5. Iván Raña (Independente) 2h.02:35

Ledesma, campioa na categoría feminina
Menos sorte tiveron as deportistas galegas na proba feminina. A catalá Eva Ledesma, que o vindeiro martes cumprirá 29 anos, foi a gañadora por diante da vasca Zuriñe Rodríguez e a catalá Neus Cayla.

Ledesma baseou a súa vitoria nunha gran carreira a pé logo de remontar no último segmento unha desvantaxe de 2:30 con respecto a Cayla. A checa, Radka Vodickova, foi a gañadora da proba, seguida da deportista do Club Fluvial de Lugo, Ricarda Lisk, mais foi a terceira en chegar á meta, Ledesma, a que se colgou unha medalla de ouro do Campionato de España.

Neste caso, a clasificación xeral foi a seguinte:
1. Radka Vodickova (C.N. Reus Ploms) 2h.14:27
2. Ricarda Lisk (Cidade de Lugo Fluvial) 2h.16:50
3. Eva Ledesma (Independente) 2h.17:14
4. Zuriñe Rodríguez (Canal de Isabel II) 2h.17:38
5. Neus Cayla (C.N. Mataró) 2h.19:34


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: