As concellarías de Cultura da Coruña, Ferrol, Compostela, Pontevedra, Vigo e Ourense demandan que sexa homenaxeado no 20 aniversario do seu pasamento.
As concellarías de Cultura da Coruña, Ferrol, Compostela, Pontevedra, Vigo e Ourense asinaron na mañá da cuarta feira unha carta destinada á Real Academia Galega (RAG) solicitándolle que o Día das Letras do ano que vén sexa dedicado ao intelectual Ricardo Carvalho Calero.
Durante unha xuntanza mantida no Concello de Santiago, os responsábeis das seis cidades consensuaron un texto no que se adhiren a esta petición, que xa fora realizada por outros grupos, e que faría coincidir esta homenaxe co centenario do nacemento do pensador. Nesta liña, explicaron que "a pegada intelectual e o compromiso" de Carvalho Calero "pode atoparse en toda Galiza", e, como mostra diso, estas seis cidades piden que as Letras de 2010 se dediquen á súa figura, para axudar a "difundila", "profundar no coñecemento da súa obra" e "contribuír ao engrandecemento da cultura galega".
Segundo explican na misiva, Carvalho Calero, do que se cumpren case 20 anos da súa morte, tivo "unha das máis completas e extensas traxectorias vitais en defensa da cultura galega" e converteuse en "unha das figuras fundamentais no campo da literatura e da lingua". Parte implicada na elaboración do Estatuto de Autonomía, Ricardo Carvalho Calero tivo unha activa militancia republicana pola que foi condenado durante a Guerra Civil a doce anos de prisión, tras o que continuou co que foi o seu principal labor ao longo da súa vida: a docencia. No ano 1958 Carvalho Calero ingresou na Real Academia Galega e foi proposto para a súa presidencia en 1977, aínda que rexeitou o cargo. Ensaísta, novelista, autor teatral, poeta, filólogo e profesor, Carvalho Calero é, como recolle a carta, "unha figura crave para entender a investigación lingüística e literaria galega".