Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Premios Bacelos de Prata

Quinta Couselo e O Casal: viños que agariman a lingua

Estas son as dúas adegas premiadas en 2009 polo seu compromiso co idioma do país na súa actividade empresarial.

Redacción - 13:00 05/04/2009

Quinta de Couselo e Tvronia son as marcas da Adega Quinta Couselo, premiada este sábado na VI edición dos premios Bacelos de Prata. O xurado recoñece así a esta adega da denominación de orixe Rías Baixas pola súa utilización da lingua galega desde o inicio da súa actividade en 1991. A empresa etiqueta e publicita en galego os seus viños albariños de gran calidade e recoñecido prestixio. Considera o xurado que "co seu exemplo provoca adhesións ao proceso galeguizador iniciado no sector vinícola e traspasa ese afán de utilización dos nosos valores culturais á sociedade".

Tamén leva premio A Adega O Casal, da denominación de orixe Valdeorras, pola utilización da lingua galega desde o inicio da súa actividade empresarial e pola utilización do noso idioma na etiquetaxe e publicidade da súa marca Casal Novo, elaborada coas castes godello e mencía, de grande calidade "e pola aposta persoal na recuperación dunha maneira de cultivo e dunha contorna xeográfica que define un determinado lugar de orixe". Considera o xurado que "o orgullo co que aposta por un viño de calidade, en galego, é fundamental para espallar a riqueza da nosa lingua e cultura".

O xurado reuniuse este sábado no Pazo dos Ulloa, en Esposende-Ribadavia, integrado por Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas, Xosé Carballido Presas, Técnico facultativo da Delegación Provincial da Consellería do Medio Rural en Ourense; Xosé Benito Reza Rodríguez, Técnico facultativo da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente en Ourense.; Luís Anxo Rodríguez Vázquez, Presidente do Consello Regulador do Ribeiro e enólogo; Ramón Barral Maquieira, Vicepresidente de Adegas Martín Códax -premiado edición anterior- e actuando de Secretaria Carmen Pérez Vaquero, Secretaria da Asociación Álvaro das Casas.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: