A Asociación de funcionarios pola Normalización promociona o consumo de produtos na nosa lingua.
Dunha ducia de adegas que etiquetaban o viño na nosa lingua no ano 2003 pasouse a 115 dun total de 440 que existen en Galiza. Este foi o resultado de moitos anos de traballo e insistencia da Asociación de funcionarios para a Normalización Lingüística no seu obxectivo galeguizador. Agora, de cada ao Nadal, pon en marcha unha campaña para fomentar entre os consumidores a compra de viño etiquetado en galego.
A campaña, co lema 'Deixa que o viño fale. Escolle un viño etiquetado en galego' aparecerá proximamente nos medios de comunicación para suxerir que se mostre o apoio aos viticultores que apostaron polo idioma, como un xeito de compromiso co galeguismo alén do ritualismo.
O secretario da asociación, Xosé González, explicou que existe unha receptividade cara a este tipo de campañas a prol da lingua porque hai unha conciencia de país oculta que hai que saber aproveitar. O galego, neste caso, é un elemento de irmandamento e non de conflito. Por iso, a intención da asociación é trasladar esta campaña a todos os sectores relacionados co consumo, pois son os consumidores os que teñen maior capacidade de decisión e os que poden marcar a pauta na normalización lingüística.
A campaña conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellaría do Medio Rural, aínda que para próximas iniciativas esperan contar co apoio doutras consellarías. A idea é estender a normalización a outros eidos do sector agroalimentario, onde se concentra unha parte importante do cooperativismo galego, uns 30.000 traballadores, segundo González.