A Federación Europea tamén amosou o seu apoio á proba da Copa de Europa que se ha desenvolver este sábado en Pontevedra.
Na tarde da terza feira xuntáronse en Pontevedra a presidenta da Federación Europea de Triatlón (ETU), Marisol Casado; a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; o presidente Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva; e o alcalde de cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para presentar o equipo galego de triatlón que ha competir na primeira proba do Copa de Europa que se celebra en Galiza.
Na conferencia de prensa, a presidenta da ETU amosou o seu apoio á proba pontevedresa e destacou, ao igual que Marta Souto, o bo traballo que está a facer a Federación Galega, que se reflicte, segundo dixo Casado, "nos grandes deportistas que están saíndo e que poderemos ver nesta proba".
A selección galega de triatlón
Os irmandiños e as irmandiñas do triatlón son dez, cinco mozos e cinco mozas.
Entre as mozas están Aída Valiño, Saleta Castro, Alba Cuba, María Martínez e Fani Domínguez. E o equipo masculino está formado por Javier Gómez Noya, Jesús Gomar, Alberto Trillo, Óscar Vicente e Borja Conde (aquí ao lado están coa roupa coa que van competir o sábado).
A primeira proba da Copa de Europa que se fai en Galiza
A competición comezará este sábado ás 14:30 horas coa proba feminina, mentres que a masculina ten como hora de inicio as 17:30 horas. As dúas son de distancia olímpica, é dicir, 1.500 metros de natación, 40 km de ciclismo e 10.000 de carreira a pé.
A proba de natación realizarase nas augas do río Lérez, e o final da carreira terá lugar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Ademais, o circuíto da carreira será eminentemente urbano, para que os cidadáns e cidadás poidan visualizar a proba ao tempo que se dá a coñecer a zona monumental de Pontevedra. Na cidade xa se está informando sobre os cortes de tráfico, para intentar prexudicar o menos posíbel ás e aos cidadáns da capital pontevedresa.