Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Será o vindeiro 19 de abril en Pontevedra

Galiza acolle por primeira vez unha proba da Copa de Europa de Triatlón

E xa ten data: será o sábado 19 de abril. Ademais servirá como inauguración do calendario da Copa de Europa de Triatlón 2008, con 12 citas máis en 10 países diferentes.

Redacción - 17:40 29/01/2008

A proba de Pontevedra será tamén a única que lles outorgue puntos aos triatletas para se clasificaren para o Campionato de Europa, que se desenvolverá xusto tres semanas despois (o 4 de maio) en Lisboa.

Na mañá da terza feira presentouse a proba europea, e en Pontevedra estaban a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o presidente da Federación Española de Triatlón, José Hidalgo; o presidente da Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva e o triatleta galego Xabier Gómez Noya.

Traer a proba a Galiza "era de xustiza para con todos os e as deportistas galegos"

Dixo Marta Souto, referíndose aos bos resultados acadados por triatletas como Javier Gómez Noya, Iván Raña, Pilar Hidalgo, Saleta Castro, Aida Valiño e outros moitos "que non deixan de darnos alegrías", recalcou.

Ademais, Souto destacou que "queríamos que a proba rematara no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), como un recoñecemento ao seu traballo e ao dos e das deportistas que veñen adestrando nestas instalacións".

Xabier Gómez Noya, que falou en nome dos e das triatletas galegos/as, asegurou que "para nós é algo moi especial, xa que non estamos acostumados a competir a este nivel na nosa casa. Por iso, xa podo anunciar que vou estar na liña de saída e con máis gañas que nunca de acadar unha victoria".

Tamén se agarda a presenza de outros moitos deportistas galegos correndo na casa, demostrando que nesta modalidade deportiva Galiza é unha potencia.

Os horarios da proba e outras probas que se desenvolverán en Galiza

O próximo día 19 (o día elixiuse polas mareas, para que as probas coincidan coa marea alta) celebraranse as competicións feminina e masculina. As dúas probas son de distancia olímpica, é dicir, 1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 mil de carreira a pé. A proba de natación realizarase en augas do río Lérez e o final da carreira terá lugar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Ademais, o circuíto da carreira será eminentemente urbano.

Ademais desta cita internacional, no noso país tamén se desenvolverá o Campionato Estatal Elite Sub23 en Ferrol; o Campionato Estatal de Duatlón Grupo Idade, Duatlón Elite e Sub 23 en Monforte de Lemos; o Campionato Estatal de Triatlón Cros en Verducido (Pontevedra); así coma o Campionato Estatal de Duatlón Croos en Castroverde (Lugo) e unha proba clasificatoria para o Campionato Estatal en Vigo.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: