Segundo a CIG, as aeronaves teñen este sistema inoperativo dende que as mercou a Xunta en 2005.
Os helicópteros Pesca 1 e 2 da Xunta de Galicia saíron, segundo denuncia a CIG-Mar, á busca dos náufragos do Cordero coas cámaras térmicas de última xeración inutilizadas. O sindicalista Xabier Aboi afirma ter constancia de que as aeronaves mercadas en 2005 traían estes dispositivos que por razóns técnicas, inexplicablemente, nunca chegaron a funcionar. As cámaras que traen incorporadas os helicópteros teñen un coste de 60 mil euros.
Mais a CIG-Mar tamén denuncia mentiras na versión oficial do Ministerio de Fomento. Segundo Aboi, a radiobaliza do barco saltou á 1.10 horas da madrugada, 68 minutos antes da versión oficial. Dende ese momento, e polo temor a que se tratase dunha falsa alarma, dedicouse o tempo restante a tratar de averiguar a veracidade do SOS.
Xabier Aboi lembrou que as competencias en Salvamento Marítimo son do Ministerio de Fomento e das capitanías marítimas: “desde a CIG reclamamos que se traslade aquí esta competencia para poder abordar este tema desde a nosa realidade”. A CIG-Mar tamén esixe que a fiscalía actúe de oficio e investigue todas as circunstancias que rodean o suceso.