O Boletín Anticaciquil das Terras de Ordes levado polo Subcomandante Marcos da Portela (marcosdaportela.blogspot.com) non leva nen unha semana publicándose, pero xa conseguíu certa popularidade. No Facebook séguennos perto de 500 persoas, e o número de visitas ao blog anda xa polas 2.500. Chegáronnos tamén varias mensaxes pola rede agradecendo a nosa labor informativa e de denuncia, animándonos a continuar, o cal nos produce unha gran satisfacción. Pero chegaron tamén as primeiras ameazas dos poderosos de turno, indicadores inequívocos de que estamos polo bo camiño.
Un correo de Mediasiete Publicaciones S.A. (a empresa que publica o periódico gratuíto Santiagosiete, e xestiona o blog Ordessiete) chegou ao noso correo cando o blog levaba na rede apenas unhas 48 horas. Despois de asesorarnos xuridicamente, pois contiña graves acusacións de tipo legal, decidimos reproducilo aquí tal e como nos chegou, para que a xente vexa a que se dedica esta empresa:
Estimado editor/a do blogue Comandante Marcos da Portela,Normalmente celebro con grande satisfacción o nacemento de calquera soporte informativo sobre a nosa comarca, agardando que o mesmo sirva para facer da nosa querida vila de Ordes un lugar mellor para todos. Nesta ocasión lamento non poder celebrar dese xeito o comezo de 'O Tío Marcos d'a Portela' por tratarse dun blogue anónimo con contidos que facilmente poderían ser interpretables como inxuriosos, coas súas desagradables consecuencias penais que poderían derivarse sobre o seu autor.
Contemplo tamén con profunda tristeza coma elementos gráficos e audiovisuais creados por nós cun gran esforzo persoal e empresarial son utilizados no seu blogue acompañando a expresións inxuriosas tales coma "Dicionario de caciques: Manuel Regos". Confío en que poida retirar do seu blogue a fotografía que acompaña a tan insultante titular, e tan contrario ás normas deontolóxicas xornalísticas.
Tamén gustaríame lembrarlle que os contidos do blogue Ordessiete están dispoñibles para calquera usuario da rede sempre que estes fagan un uso adecuado dos mesmos, algo que a día de hoxe e lamentablemente non sucede no seu blogue. É unha grande satisfacción saber que os nosos contidos son publicados por moitos outros profesionais ou afeccionados á comunicación, pero sempre e cando sexan usados con responsabilidade e honestidade. Lamentaríamos moito ter que prohibirlle expresamente o uso dos nosos contidos de non atender a estas premisas básicas.
Me poño [sic] a [sic] súa enteira disposición, confiando en que saiba retomar pola verea da rigorosidade e do respecto máis elemental a [sic] súa [sic] labor informativa. Créame que isto provoca moitisimas [sic] máis satisfaccións.
Un saúdo ben cordial,
Mediasiete Publicaciones, S.A.P.D. O presente escrito únicamente [sic] ten efecto informativo para vostede como editor e non para ser publicada no seu blogue.
Dicir, antes de nada, que a única obrigación legal que temos para empregar as fotografias de Ordessiete é citar a fonte (o cal xa correximos) e polo demais, non só publicamos o correo que nos enviaron, senón que advertimos que o que eles fan co seu correo é unha perturbación do dereito de información, e incluso podería ser un delito de coacción.Parece que Renato Alberto Landeira, director de Santiagosiete, se cre con dereito a ter o monopolio da información local de Ordes. Desde as súas páxinas permitiuse opinar nun ton bastante faltón sobre o blog de Juan Simón, edil por Nova Alternativa, dándolle sobre redacción de blogs que ben podería aplicar ao seu; ou tamén, desta vez nun ton pateticamente paternalista, sobre o programa de radio Ordes "Son do Chafarís": "Entrevistas, información, música, educación, lengua, literatura y cultura. Todo ello en clave gallega sí, pero...demasiado ideologizada. Uno que ha sido joven y sabe lo que es dejarse llevar por las pasiones esta circunstancia la tolera, pero no por ello no ha de ser salvada." E mesmo recriminando que polo programa pasasen: "
Berroguetto, O Leo Arremacágonha, The Homens o Ruxe Ruxe, quienes en numerosas ocasiones hicieron públicas sus preferencias nacionalistas, reportajes sobre el Nunca Máis, la asociación Foucelhas, entrevistas a estandartes del nacionalismo gallego, gramática nacionalista, hablar de Galiza en clave de país, conversaciones sobre reintegracionismo..."
Agora toucounos a nós, a través de un correo asinado por "Mediasiete Publicaciones".
Señor Landeira, vostede non ten autoridade ningunha para dicir quen pode falar e quen non sobre a política ordense, e as súas coaccións non nos meten medo ningún.P.D.: Por certo, non somos ningún "Comandante Marcos da Portela", senón "Subcomandante". E somos "Subcomandante" porque o único Comandante é o pobo, que é quen máis ordena. Por iso estamos ao seu servizo, e non ao de calquera tipo de interese particular en detrimento do público. Ah, e outra cousa, inxuriosos si que son os abusos que cometen os poderosos (da política, da economía, ou dos medios de información), e non chamarlle ás cousas polo seu nome.