Os PXOMS deberían integrar a xestión racional dos recursos, cunha planificación acaída ás necesidades da veciñanza, e non promover actuacións que económica e ecolóxicamente non se van poder sustentar.
Casos como as ducias de
depuradoras que non funcionan ou son insuficientes para tratar o volume de efluentes producidos, os
polígonos industriais sen estación de tratamento ou aínda sumidoiros ou a
excesiva permisividade á hora de esixir ás empresas o cumprimento da normativa, poñen de manifesto a grave
responsabilidade que teñen os concellos no lamentábel estado dalgúns ríos galegos.
Aos xa tristemente coñecidos "vermello Exlabesa" (polos vertidos ao Sar en 2004) ou "turquesa Brenntag" (en referenza ao vertido do Umia do 2006) habería que engadir o "branco Brandía" (cor habitual do Sar augas abaixo de Compostela) "amarelo polígono de Amoedo" en Pazos de Borbén ou os "gris/azul Paxonal" e "marrón destilería" novamente do Sar, en Compostela e Rois, respectivamente.
Accidentes como o de Brenntag ou casos como o de Exlabesa, obxecto dunha recente condena penal, exemplifican perfectamente as consecuencias do desleixo e da permisividade á hora de ordenar a actividade industrial no territorio. Actualmente o papel dos concellos limítase en moitos casos a seren meros organismos recadatorios, pregándose sistemáticamente aos intereses das empresas que buscan certa complicidade para burlar a normativa ambiental e evitarse gastos de depuración.
No entanto, son as verteduras urbanas as principais responsábeis do pésimo estado dalgúns dos nosos ríos. Promesas coma a do "saneamento integral" repítense en cada lexislatura sen que algúns políticos teñan unha idea clara do que significa. A este respeito, os concellos deberían comezar por incorporar ás políticas municipais, en especial aos PXOMS, os preceitos da Directiva Marco da Auga e da recentemente aprobada Lei de Defensa dos Ríos Galegos.
ADEGA fai un chamado aos novos governos municipais para que, en aplicación das súas competencias, subscreban un compromiso ambiental coa cidadanía con especial atención á depuración dos núcleos, para tentar acadar no horizonte desta lexislatura o obxectivo de "cero vertidos" aos nosos ríos.