Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Adeus Caixa Galicia, adeus

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Adeus Caixa Galicia, adeus

Adeus Caixa Galicia, adeus

Porque os impositores, parte fundamental no sistema bancario, tamén teñen algo que dicir

Enviada por ManuelGAnton ManuelGAnton o 01/12/2009 09:10

Comparecen políticos autonómicos, provinciais e municipais; pseudoempresarios oportunistas e sindicalistas. Opinan nos medios de comunicación presuntos expertos e acreditados indocumentados, todos en "clave de país", "polo ben de Galicia". Pero ninguén repara en nos, os impositores, que parecemos non existir. Eses que estamos a sufrir dende hai anos, en silencio, unha xestión incompetente e interesada. Os explotados, enganados e espremidos de tódolos xeitos imaxinables e inverosímiles.

Non Sr. Nuñez, non. Caixa Galicia non é propiedade do seu equipo directivo, pero tampouco do "conxunto da sociedade galega". As caixas deben a súa existencia a aqueles que día a día, mes a mes, ano a ano, depositan os seus ingresos, as súas nóminas, os seus aforros, o produto do seu suor, para que, na meirande parte dos casos, políticos, sindicalistas, e outros parásitos sociais que se auto cualifican como directivos e empresarios, xoguen ao Monopoly co seu futuro. A eles, e non a moitos galegos que hai tempo perderon a fe e optaron por confiar en Banesto, BBV, ..., ou ING, porque ningún banco pode vivir sen a súa contribución.

Eu son da xeración que veu ao mundo cunha cartilla da Caixa de Aforros de Ferrol - agora Caixa Galicia - debaixo do brazo, e por algún insólito motivo e a pesares de múltiples humillacións e infidelidades, mantiven a miña lealdade por mais de cincuenta anos. Pero xa estou canso de que se antepoñan, agora aínda mais que antes, os intereses políticos á seguridade dos aforros de toda a miña vida; de contemplar como se abusa da boa fe dos xubilados galegos colocándolles activos a longo prazo de difícil recuperación e dubidosa rendibilidade; de comprobar como, ao amparo da obra social, se acometen inversións de escaso gusto, presuposto inflado e dubidosos interese público e utilidade social; de observar como na selección dos conselleiros e traballadores que administran e xestionan o meu futuro económico non priman precisamente criterios de concurrencia pública, mérito e competencia; de buscar explicacións plausibles para xustificar decisións de financiamento de tantas aventuras empresariais e inmobiliarias de mais que dubidosa viabilidade; ...

Por todo iso; porque ata a miña paciencia ten un límite; porque as inxentes cantidades que reciben esa cuadrilla de xestores impresentables e incompetentes, eses que nos negan a mínima rendibilidade e que nos cobran comisión ata por respirar dentro e fora da sucursal, me parecen totalmente obscenas na situación social actual e consonte co seu grado de responsabilidade, e polo que, consciente e libremente, vou conxugar ese verbo proscrito para eles: dimito como impositor de Caixa Galicia.

Manuel G. Antón Villamil.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: