Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Este Sábado 23 de Maio tivo lugar un encontro cidadán de suma importancia para a poboación de Ferrol Terra

Ocultada, para a maioría da opinión pública, por un silencio cómplice dos medios de comunicación, celebrou-se unha Xornada Aberta de Formación Cidadá, organizada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, baixo o título: “O que cumpre saber sobre REGANOSA”.

Aínda que voltamos topar cos habituais “muros de silencio” que envolve a loita contra o despropósito gasístico de REGANOSA, o Encontro Cidadán foi todo un suceso. Agora cumpre, a nós, a laboura de divulgación do aprendido, reflexionado e debatido. O acto foi gravado, en vídeo, na súa totalidade, como tamén hai presentacións e documentos elaborados polos relatores e relatoras, polo que non debemos perder moito tempo e poñer nas mans de "profesionais" da comunicación o material para que se elaboren documentarios, webs, blogs, libros, revistas, boletíns, ... para a súa difusión.

Enviada por artabra21 artabra21 o 25/05/2009 22:58

O Encontro Cidadán tivo lugar en Ferrol no Campus de Esteiro, en sesións de mañá e tarde. Foi un acto de formación e convivencia, aberto á asistencia e participación da cidadanía en xeral, co fin de coñecer e actualizar aspectos fundamentais sobre o que supón a presencia dunha Planta de Gas no corazón da nosa Ría.

Polo Salón de Actos do Vicerreitorado do Campus Universitario de Ferrol, pasaron sobre unhas cento e cincoenta persoas, mantendo-se unha media de 55-65 persoas presentes en cada sesión. Sobre as nove e media da mañá sirveu-se un pequeno almorzo mentres se recepcionaba ás persoas participantes no acto.

Ás dez da mañá daba comezo o encontro, aberto polo Coordenador do Comité Cidadán, Manuel Carballeira. A primeira parte comezou co bloque sobre os coñecementos técnicos básicos para entender a perigosidade da instalación que REGANOSA, coa complicidade institucional e política, construíu en Punta Promontorio, no concello de Mugardos. O Enxeñeiro Técnico Naval e profesor universitario, Manuel Afonso de Amorim, con décadas de traballo na antiga ASTANO, experto en tecnoloxía e artefactos offshore e membro do Observatorio das Plantas Regasificadoras de GNL, foi o encargado de expor o como funciona unha planta regasificadora, de explicar as características do gas natural licuado -GNL/LNG-, así como que é e que funcións ten a Comisión Nacional de Enerxía -CNE-. O Doutor Enxeñeiro Industrial, Carlos Álvarez Feal, profesor universitario, mais tamén con anos de experiencia de traballo nos estaleiros da Ría, estudoso das plantas regasificadoras e un experto en todo o referente a navegación na Ría, falou sobre as manobras marítimas dos gaseiros, as características de navegación da Ría de Ferrol e a diferencia entre os gaseiros en reparación e gaseiros cargados con GNL. E por último, dentro deste bloque temático dos aspectos técnicos, interveu Rafael Montero Baquedano, que no seu momento foi presidente da Autoridade Portuaria do Porto de Ferrol, Enxeñeiro Naval - Diplomado en Enxeñeiría Ambiental - EOI, con décadas de traballo na antiga ASTANO, falou dos riscos asociados a unha planta de regasificación, a análise destes riscos e do incumprimento da Lei Seveso por parte de REGANOSA e as diferentes administracións, tanto a Local, como a Autonómica e a Central. Unha chuvia de preguntas e respostas, deron lugar a un interesante debate, así como amosaron o compromiso cidadán, a calidade e preparación dos relatores neste primeiro bloque da mañá que se prolongou máis da hora prevista. Mais non houbo, máis remedio que facer unha pausa para os cafés e os comentarios.

O segundo bloque, baixo o título de "REGANOSA, da inxustiza e a senrazón", tivo tamén varios relatores, comezou-se pola interesantísima exposición do biólogo Alberto de Coo, ademais de ser un importante investigador, adscrito ao Centro de Investigacións Mariñas de Corón, en Vilanova de Arousa, foi un importante activista sindical e social nas comarcas d'O Salnés. Alberto de Coo falou da importancia da Ría de Ferrol que forma un relevante ecosistema, un conxunto único no mundo, xunto ás outras rías galegas, que comprenden unha grande diversidade de hábitats e teñen unha elevadísima potencialidade produtiva. Alberto de Coo, falou do impacto medio ambiental e laboral que supón a instalación de REGANOSA, dentro da Ría. Foi moi crítico co sistema de vaporizadores que utiliza a Planta de Gas, coa extracción de centos de miles de metros cúbicos diarios de auga da Ría, para devolve-la, á xa degradada Ría, enfriada e morta. A avogada, Patricia Gabeiras, informou de todos os procesos xudiciais e administrativos que se están levando adiante na defensa dos intereses cidadáns. Mais non só se limitou a informar, senón que fixo unha exposición completa das luces e sombras de todo o proceso, con valoracións claras sobre as actuacións do poder xudicial e do político instalado en todos os ámbitos das institucións. Alberto de Coo, tivo que ausentar-se, polo que nos privou das múltiples preguntas que de seguro habería desde o público. Só a transparencia e didactismo da intervención de Patricia Gabeiras, que continuou coa quenda de preguntas e respostas pola tarde, convertiu o que estaba destinado a ser un dos bloques formativos máis áridos da xornada, nun espazo de aprendizaxe clarificador para todas as persoas que tivemos a sorte de comparti-lo con ela.

Pola tarde, abriron o debate, Rafael Pillado e Manuel Carballeira, activistas do Comité Cidadán e membros da A.C. Fuco Buxán. Rafael Pillado, histórico militante obreiro, ademais dun incansábel activista político e social, foi o encargado de falar sobre o poder político e poder económico no caso REGANOSA. Un repaso á historia do conflito social provocado por intereses espúreos que se empeñaron en colocar-nos unha Planta de Gas no corazón da nosa Ría, centrando-se nas actuacións administrativas e políticas. Manuel Carballeira, o xa citado Coordenador do Comité Cidadán de Emerxencia, tamén militante obreiro e activista, foi o que nos falou do movimento opositor a Reganosa, da súa historia, das circunstancias do seu nacemento e as reivindicacións iniciais, da súa composición, avanzos e derrotas. Tivo unhas palabras para os ausentes, para as persoas compañeiras de loita que notamos a súa ausencia e choramos a súa morte. Mencionou o importante papel da xente do mar, para rachar os "muros de silencio", coa paralización dos gaseiros que tiveron que retroceder sen entrar na Ría. Mais tamén o contributo, para rachar o silencio mediático, dos documentarios "O Salario do Silencio" de Enrique Banet e Mabel Rivera, producido por Namche Films, así como o do Programa Linea 900 da TVE2, "Un gasoducto no meu xardín". Ante a pregunta formulada por Mónica Arto, da Mesa de Trabalho do Comité Cidadá, e activista de Verdegaia, sobre as diferentes posturas a respeito da reivindicación de instalar a Planta de Gas no porto exterior de Caneliñas, os relatores aclararon que nas orixes do Comité Cidadá, hai case dez anos, ese plantexamento resultaba estratéxico, mais o tempo transcurrido e a propia dialéctica do movimento fixo que a consigna "Planta de Gas fora da Ría" se convertese no eixo unificador de todas as posturas e mesmo que unha das argumentacións esgrimidas tanto diante do poder xudicial, como do político, como diante da cidadanía, é que REGANOSA non é necesaria, e o dato do 29% de ratio dos últimos meses confirma ademáis que non é rendíbel. Só o é para os seus promotores, que ven recompensadas polo estado as súas inversións.

O bloque temático sobre "Prevención e seguridade no caso REGANOSA" veu a continuación, precedido doutra obrigada pausa para cafés e comentarios. A nosa compañeira, Luz Mariña Torrente, activista do Comité Cidadán, presidenta da Asociación Veciñal "O Cruceiro" de Meá, carismática loitadora, sempre falando co corazón aberto, con forza e irradiando convición, mais tamén reflexiva e con argumentos claros, agradeceu o traballo imprescindíbel dos técnicos e avogad@s. As súas primeiras palabras para as persoas ausentes que nos enchen de orgullo, algunhas nomeou-nas, doutras deixou que o seu espírito calara nos nosos corpos e que as lembraramos con ledicia. Luz Mariña falou do Plano de Emerxencia Exterior para o concello de Mugardos, elaborado pola Dirección Xeral de Protección Civil, organismo dependente da Xunta de Galicia. O Doutor Enxeñeiro Industrial, Carlos Álvarez Feal, voltou ser uns dos relatores, para falar doutros planos de prevención e a comparativa co caso Reganosa. A presidenta da Asociación Veciñal de Caranza, Pilar Rodríguez Venancio, foi a seguinte poñente para falar dun Plano de Emerxencia Exterior para os concellos da Ría, da iniciativa de varias asociacións veciñais solicitando ao Alcalde de Ferrol, Sr. Irisarri, como responsábel de Seguridade Cidadá que é, que se dirixa á Xunta de Galicia, para que informe a poboación de Ferrol do Plano de Emerxencia Exterior de REGANOSA e todo o complexo petroquímico que se acumula en Punta Promontorio, no concello de Mugardos, na outra beira da Ría, a pouco máis dun quilómetro das nosas casa. A dirixente veciñal, mostrou a desolación que lle produciron tamén as palabras do concelleiro do BNG, Xoán Xosé Pita, xustificando o seu voto alineado co PP, porque "este tema está suficientemente debatido", e polo tanto vinculando unha vez máis á organización nacionalista cos plans empresariais de REGANOSA, nesta ocasión, coa ampliación da capacidade de regasificación.

Para rematar, con moi pouco tempo dispoñíbel quedaba o debate baixo o epígrafe: "Novos retos na loita contra REGANOSA", moderado polos membros da Mesa de Traballo do Comité Cidadán e activistas sociais, Joam López e Lupe Ces. Foron moitas as preguntas e respostas, as propostas, queixas, iniciativas, ... que quedaron por tratar, mais as asembleas cidadáns tamén son un foro de debate e decisión, un instrumento da loita eficaz, para o debate, e máis cedo que tarde celebraremos a próxima. A xornada rematou cunha Cea de Confraternización. Mais a vindeira cita será o Venres, 5 de Xuño, no "Dia Mundial do Medio Ambiente", que nos mobilizaremos, en Ferrol, desde a Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, para comezar un roteiro pola cidade, como xa temos feito noutra ocasión, parando diante de entidades relacionadas cos socios de REGANOSA, mais desta vez convocada a mobilización pola Rede "Galiza Non Se Vende".

Fonte: http://artabra21.blogspot.com/


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Este Sábado 23 de Maio tivo lugar un encontro cidadán de suma importancia para a poboación de Ferrol Terra