A plataforma Coristanco 2020 reclama o sitio da vila Bergantiñensa coma acolledora dos xogos Olímpicos de 2020. Polo de agora xa están a conseguir diversos apoios na rede.
A plataforma Coristanco 2020 postula á vila de Coristanco coma unha candidatura seria para albergar os xogos Olímpicos de 2020. Esta asociación sen ánimo de lucro defende que nunha etapa mundial na que cada vez a ecoloxía vai a peor, cómpre organizar uns xogos olímpicos na natureza.
"Coristanco 2020, é unha candidatura de futuro", di o promotor da campaña, "temos que ter conciencia do potencial da nosa vila coma referente a nivel mundial". E é que a vila de Coristanco é famosa polas súas patacas, tópico do que, os promotores desta plataforma, queren romper para ensinar ao mundo a beleza e o potencial que a súa terra posúe.
Polo de agora a campaña non é moi visible pero xa está a recadar diversos apoios a través do seu blogue e do seu grupo de Facebook. Os creadores desta plataforma cháman ao movemento da masa social galega e á xuventude para que esta campaña se faga máis visible e cobre importancia nos medios. Ademais, os promotores da campaña puxeron a disposición dos internautas un e-mail (coristanco2020@gmail.com) a través do que poden enviar as súas creacións ou ideas así como preguntar o que desexen.