Crónica do acontecido desde o seo da acción ridiculista "Bilingüismo, Mr. Marshall" que tivo lugar na mesma Alameda compostelá onde uns 3.000 manifestantes de Galicia Bilingüe, PP, Falange e outras organizacións afíns se preparaban para dar fondo e forma a unha suposta imposición do galego contra a que protestaría unha suposta masa social inexistente, e para -coa axuda dos medios de comunicación- lanzar as súas ben estudadas consignas vitimistas e criminalizadoras de todo ser discordante coas súas teses.
Un cento de persoas xuntámonos na Alameda de Compostela o pasado domingo para combatir aos galegófobos coas armas máis efectivas contra os seus dislates: maracas, trompetas, tricornios e nobres bandeiras rojigualdas.
A nosa concentración rexoubeira (lúdica, como se di por aí), reivindicativa e desde logo pacífica provocou o sorriso e a reflexión de moitos transeúntes, dalgúns manifestantes "tangallegos" e mesmo de parte das inxentes fornadas de antidisturbios enviadas para intimidarnos, mais que en moitos momentos xa non sabían nin onde meterse (imaxino que debe ser duro reducir a un tuno, a unha faralaes ou a un bispo con gas lacrimóxeno). Podemos falar sen medo a equivocarnos dun novo e auténtico éxito da estratexia ridiculista e da lexitimación do noso berro de guerra: A festa é o único camiño!
Porén, e lamentabelmente, os convocantes "tangallegos" e a media españoleira estaban agardando como auga de maio por un feixe de incidentes que xustificaran a súa estratexia vitimista, cunha soa idea predefinida na mente: "Galicia se batasuniza". A violenta resposta de varios grupos independentistas contra a policía apañou ducias de portadas, videos, artigos de opinión... na mal chamada "prensa seria", dando por fin substento formal ao proceso de victimización dos supostos defensores da liberdade (os antigalegos) e ás prédicas da "radicalización da rapazada nacionalista", para pasar (como non) a dicir todo tipo de disparates sobre o obxectivo e a vinculación deste ou daqueloutro ataque. Uns exemplos moi claros:
· Unha barricada en San Lázaro converteuse en certos medios nun ataque contra a sede do PPdG.
· A media converte en mártir a un manifestante de GB que sufriu un aparatoso golpe nun ollo como consecuencia do seu ataque físico (documentado graficamente) a un contramanifestante que o rebatira verbalmente. O feito de que o señor tivera unha idade avanzada serviu para tentar transmitir que "os radicais atacaran a un velliño indefenso".
· A acción ridiculista da organización xuvenil Isca, durante a que tres mozos disfrazados de vacas tentaron achegar pacificamente á cabeceira da manifestación de GB un globo co texto "El gallego es para las vacas", saldouse con varios intentos de agresión dos manifestantes e con cadansúa noite de calabozo nunhas condicións deplorábeis, a pesar da súa absoluta (e documentada) colaboración cos policías que os sacaron. E, por suposto, a media española converteunos en supostos radicais que "trataban de impedir violentamente a manifestación", sumándoos sen máis aos detidos que presuntamente cometeron algunha acción violenta ou destrozo no mobiliario público.
· A nosa propia acción ridiculista, festiva e pacífica como ben se documenta nos diversos videos recollidos, sufriu a centos de metros da manifestación de GB o ataque a paraugazos (tamén documentado graficamente) dun manifestante encolerizado, ao que os antidisturbios enviados para intimidarnos tiveron que reducir e expulsar.
Logo dun pacífico percorrido polo centro, sempre lonxe dos manifestantes de GB e no ton festeiro habitual, cando xa nos disolvíamos para ir a xantar sorprendentemente aparecen varias grilleiras das que baixaron un amplo continxente de antidisturbios, co saldo duns 5 ridiculistas identificados; un deles foi zarandeado, recibiu un cabezazo e unha patada nos xenitais sen mediar provocación algunha.
Como non, e malia a que parte da media recoñeceu o inocente e divertido da nosa "acción", para a media máis fanatizada contra o galego non deixamos de ser outro grupo de "radicales independentistas" ao que atribuír intencións violentas.
Desta volta temos a sorte de que practicamente todo o que aconteceu está recollido graficamente, polo que se houbera auténtica vontade de informar con fidelidade e rigor os titulares terían sido outros ben distintos. Porén os cans xa estaban soltos, as consignas criminalizadoras de PP, GB e grupos mediáticos afíns xa voaban coma serpentinas radiofónicas polo ceo de Compostela, e a estratexia de presentar aos verdadeiros provocadores coma vítimas xa estaba consumada na inmensa maioría dos medios, moitos deles enganados pola aparente e interesada unanimidade das versións de todo o acontecido.
Galiza batasunizouse o domingo, e desbatasunizouse o luns... ata a próxima vez que lle interese a unha ideoloxía conmpartida por un grupo de descerebrados e provocadores tan residual que só son quen de xuntar en Compostela 3.000 persoas nunha manifestación convocada a nivel estatal, e que literalmente encheron autobuses en Madrid ou Països Catalans para dar á marcha unha entidade que nin así acadaron, o que ben demostran certas imaxes non manipuladas de inmensos baleiros no centro da Quintana no punto álxido da manifestación. O que é ter a media a favor, meu deus.