Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O SXG denuncia os despedimentos no Qué! e no Diario de Pontevedra

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) alerta do intolerable número de despedimentos que o diario Qué! está a realizar nas delegacións de Vigo e A Coruña coa escusa da crise económica. Na última semana a editora Factoría de Información botou á rúa 12 traballadores dun total de 21 que había na Comunidade.

Enviada por SXG SXG o 13/01/2009 23:13

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) alerta do intolerable número de despedimentos que o diario Qué! está a realizar nas delegacións de Vigo e A Coruña coa escusa da crise económica. Na última semana a editora Factoría de Información botou á rúa 12 traballadores dun total de 21 que había na Comunidade.

O Expediente de Regulación de Emprego (ERE) inicial prevía o despedimento de quince empregados en Galicia. Finalmente na negociación lográronse salvar tres postos de traballo, incluída a permanencia baixo mínimos da delegación da Coruña, que a empresa pretendía fechar.

En Vigo cinco persoas ficaron sen traballo: dous redactores, un administrativo, un fotógrafo e un comercial. Na Coruña foron oito: un administrativo, un fotógrafo, dous comerciais, e catro redactores.

Edicións locais traballando sen fotógrafos

O SXG critica, ademais do elevado número de persoas que queda sen traballo, as formas empregadas pola empresa, pois comunicou os despedimentos con a penas dous días de prazo en Vigo e na mesma xornada na Coruña. Ademais, o SXG alerta da difícil viabilidade na que fican as dúas delegacións, debido ao exiguo cadro de persoal que carece de fotógrafos e administrativos. Ademais, os traballadores aínda non recibiron directrices de como reorganizar o gran volume informativo que xeran estas cidades.

En toda España houbo 91 despedimentos, incluídos case todos os fotógrafos, polo que a maioría das delegacións quedan sen redactor gráfico, algo totalmente absurdo nun xornal que ofrece información local. Ademais, o acordo firmado coa empresa veta a contratación de colaboradores.

Os traballadores da delegación de Vigo, cuxo comité de empresa está presidido polo SXG, votaron en contra da proposta do ERE presentada por Factoría de la Información mentres que no conxunto do Estado, onde o sindicato maioritario era Comisións Obreiras, aceptouse o plan empresarial.

Crise publicitaria en precampaña?
O SXG chama ás administracións que tomen cartas no asunto, como fixeron noutros sectores, ante os continuos despedimentos que están a impor as empresas coa escusa dunha suposta crise publicitaria, despedimentos no medio dunha precampaña na que é evidente o aumento do volume de publicidade pública.

O Sindicato lembra á Xunta, empresas e concellos que o propio Parlamento de Galicia aprobou que os anuncios das administracións do país (Xunta, municipios, deputacións, etc.) estivesen condicionados ao fomento do emprego estábel nos medios.

Despedimentos no Diario de Pontevedra


Ademais dos despedimentos do Que!, varios compañeiros foron botados a semana pasada no Diario de Pontevedra. O Sindicado mostra o seu apoio a todos eles e fai un chamamento aos profesionais da comunicación a organizarse, pois esta é a única medida eficaz conta a vaga de despedimentos que están a preparar os editores.

Trátase dun sector, o da comunicación, no que a precariedade laboral, segundo datos citados pola propia Xunta, supera o 50 por cento.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: