No tocante ao conflito entre os bateeiros e as empresas conserveiras, a Federación Agroalimentaria de Comisións Obreiras de Galicia (CC OO) quere alertar a opinión pública de que hai un colectivo prexudicado que é «absolutamente inocente» e que non ten por que sufrir as consecuencias do enfrontamento. Este colectivo é o dos traballadores e traballadoras das empresas conserveiras e cocedeiros de mexillón, integrado por unhas dúas mil persoas, das que a maioría son mulleres.
Diante da escalada de tensión neste conflito, CC OO urxe ás consellarías de Traballo e de Pesca a que convoquen «con carácter de urxencia» unha xuntanza na que se adopten as medidas necesarias que protexan o colectivo.
A Federación Agroalimentaria sinala que o enfrontamento fai que estas dúas mil persoas estean expostas a «graves prexuízos», como son a perda de salarios, «xa de por si escasos, pois só traballan uns seis meses ao ano e no que vai de campaña a penas uns cantos días»; a perda de cotizacións por desemprego -o que implica menores ingresos por esta vía para este ano e o vindeiro-; e a perda de cotizacións á Seguridade Social, o que traerá maiores trabas para o acceso á xubilación e outras prestacións.
Por último, a Federación Agroalimentaria quere lembrar que CC OO non se posiciona sobre os motivos que deron lugar ao conflito, senón que reclama que as administracións teñen en conta os intereses dos traballadores e traballadoras e así adopten «as medidas necesarias para contrarrestar os prexuízos que sofren». No caso de que a Xunta non adopte medidas, o sindicato non descarta convocar mobilizacións dado a «situación insostible» á que se está a chegar.