Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Nacionalizar o sector eléctrico?

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Nacionalizar o sector eléctrico?

Nacionalizar o sector eléctrico?

Atopei esta outra visión sobre o que está a acontecer no sector eólico.

Enviada por Navia Navia o 14/03/2008 14:34

Nacionalizar o sector eléctrico?

Irene Porto

Casualidades ou non da vida. En poucos días a FPG porá en marcha unha campaña nacional baixo a palabra de orde xenérica de produción enerxética, lucro colonial, e mira ti, que estes días leo na prensa como a Consellaría de Innovación e Industria vai comezar o vindeiro mércores co proceso do maior concurso eólico da nosa historia. Serán os camiños da vida que se entrecruzan entre unha Consellaría dirixida -de momento- por Fernando Blanco, membro da UPG, e as herdeiras e herdeiros da UPG histórica, organizadas na FPG.

Pois ben, estes días a prensa foi abondosa en datos referentes ao negocio eólico, alcumado como o auténtico petróleo galego. E como non podía ser doutro xeito, nunha área de capitalismo colonial como é o noso país, o imenso excedente xerado por tan lucrativo negocio non só vai cara riba (na pirámide social) senón que tamén vai cara fóra. Semella que agora preténdese modificar un pouco esa liña ascedente e cara fóra por outra así mesmo ascendente e un pouco cara dentro e o resto cara fóra. É dicir, facer que a oligarquía indíxena poda participar dos excedentes do petróleo galego. Pero vaiamos agora a algúns deses datos que ofrecía a prensa para ollarmos mellor en que escenario nos movemos. Sobre a oligarquía e outras consideracións volveremos máis adiante.

-Galiza é o segundo maior produtor europeo en enerxía derivada do vento e o quinto do Planeta.
-Un de cada catro euros que ingresa a industria eólica española sae do vento galego.
-Factúrase uns mil millóns de euros ao ano do que apenas fica en Galiza un 10%.
-Desde 1995 creáronse 130 parques con máis de 3500 muiños que extraen por riba dos 2603 megavatios de potencia.
-Pouco máis do 5 % da potencia eólica instalada é “galega”.

A estes, entre outros moitos datos, cómpre engadir que a enerxía eólica é a máis rendíbel entre as renovábeis: unha vez amortizada a inversión inicial os beneficios son imensos. O novo plano eólico adxudicará 2325 megavatios máis (que equivalen a 2000 muiños) para situarnos nos 6500 megavatios no ano 2012, o que, segundo as propias fontes do sector, implicará unha facturación que -nada menos!- superará os 3000 millóns de euros ao ano.

O conselleiro tivo que recurrir ás típicas e tristes xustificacións xa coñecidas de outras épocas. Afirma, por exemplo, que esta nova adxudicación vai crear uns 3000 postos de traballo. O que non di é que o sector eléctrico en Galiza sendo o máis rendíbel é o que menos emprego crea en función da súa produción: segundo os datos do INE por cada emprego xerado polas eléctricas o resto das industrias galegas ocupan a sete traballadoras ou traballadores. Seguimos?

Agora ben, semella que unha operación de tal envergadura comandada por unha consellaría do BNG pretende repartir un suculento anaco da nova torta eólica coa oligarquía asentada na nosa nación. A prensa daba os nomes, entre outros aparecían (desde logo ningún ten desperdicio): Manuel Jove, José Manuel Cortizo, Epifanio Campo (irmán do alcalde de Ortigueira, o amiguete do tal Pocholo), Tojeiro (ai, ai, vivamos como galegas con Reganosa e represión sindical), Gómez Franqueira, Ceferino Nogueira, Jacinto Rey (si, o d'A Nosa Terra)... Para outro día deixamos o estudo sobre estes e outros persoeiros de tan refinada e patriótica burguesía. De momento unha cousa si parece clara. Máis alá de certas migallas de tipo social que se recollen no decreto 242/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica, non é de recibo esta ampliación de potencia que se pretende levar a cabo. Cando menos a Consellaría o que tiña que decretar era unha moratoria como se ten demandado desde sectores medioambientalistas, e máis cando se sabe que o 40 % da enerxía eléctrica que se produce no noso territorio vaise irremediabelmente cara fóra.

Sobre a entrada destes elementos da oligarquía local, que, por se alguén se esqueceu, son engranaxes da maquinaria colonial, só quero lembrar unha cita que considero moi apropiada da situación na que nos movemos e que un día copiei non sei de onde nunha vella libreta que hoxe recuperei:

“Cando falamos de oligarquía falamos, pois, dunha clase dominante que asume o seu país como lugar onde enriquecerse, pero ao que non se sinte vinculada de forma real (...) [a oligarquía] leva, sen case excepción, a manter ao seu país en pública subasta”
.

O país en pública subasta: eis o cerne da cuestión. Cómpre reaxir frente a esta operación de gran calado na que o BNG pretende selar silandeiramente unha alianza estratéxica coas principais fortunas, ao prezo que for.

Nun artigo anterior afirmaba “[os movementos en defensa da terra] pola súa propia dinámica demostran obxectivamente o fracaso absoluto do sistema autonómico na nosa nación”. Velaquí, na loita pola apropiación dos nosos recursos -neste caso os enerxéticos-, unha nova demostración do fracaso dese sistema e da necesidade de superalo. Se queremos ter futuro e aínda que hoxe por hoxe non contemos coas ferramentas axeitadas deberiamos ser quen de situar na axenda política o debate sobre a nacionalización dos nosos sectores estratéxicos e, nomeadamente, dos enerxéticos.

Remato xa. Como comentei no inicio a FPG comezará en breve unha campaña nacional ben concreta contra o expolio enerxético que desde hai moitos anos vimos aturando. Agora tócalle a outras pezas moverse no actual escenario. Ficar caladas ou paralisadas non sería bo sinal. Cómpre poñer ao descoberto a subasta continua que se está a facer co noso país. Galiza precisa unha outra política. Unha política nacional e popular que poña freo ás constantes agresións e nos permita avanzar cara a nosa soberanía nacional plena. O pobo, aquí coma en todo, será finalmente, quen máis ordene.

8 de marzo de 2008


5/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: