O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez (BNG), preguntará este mércores na sesión de control ao presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero , se o Executivo está disposto a outorgar un multiplex á Xunta de Galicia para posibilitar a emisión en Galiza das televisións portuguesas en formato dixital.
Sería bo que na intervención do deputado bloqueiro no congreso español, se fixera eco das declaracións dos traductores e eurodeputados portugueses(até do PP europeo) recoñecendo un mesmo idioma ás dúas berias do Miño nesta reportaxe da RTP. E aínda, no caso de diferencialo, como fai o eurodeputado do PP español, Vidal Quadras(do máis españolista), é imposíbel negar que "se parece mucho al portugués".
Tan imposíbel como negar a orixe común, ese galego medieval ou galego-portugués no que escribiu un tal Alfonso X.
Tamén se podería facer eco das recentes declaracións do líder do PPdG, Núñez Feijóo "persoalmente, decátome de que o galego é unha riqueza que nos axuda a abrir as portas da lusofonía". E se o presidente español quere profundizar no tema, que lle pregunte ao seu amigo Suso de Toro(e un dos mellores escritores galegos) a próxima vez que tomen unhas cervexas xuntos.
Conclusión, dende os dous puntos de vista lingüísticos só depende da súa vontade(e non de orzamentos multimillonarios) cumprir a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada polo Goberno español no ano 1992. "As partes comprometem-se a garantir a liberdade de recepção directa das emissões de rádio e televisão dos países vizinhos numa língua falada de maneira idêntica ou parecida a uma língua regional ou minoritária, e a não opor-se à retransmissão de emissões de rádio e de televisão dos países vizinhos em dita língua. Mais além disso, comprometem-se a velar para que não se imponha nenhuma restrição à liberdade de expressão e à livre circulação de informação numa língua falada de maneira idêntica ou parecida a uma língua regional ou minoritária..."
Dificilmente se pode ser europeísta negándolle a intercomunicación a dous pobos veciños, que noutrora compartiron unha historia e hoxe comparten unha Euro-Rexión.