Lugo, 14 de maio de 2007. A pasada fin de semana tiveron lugar na Escola Politécnica Superior de Lugo as xornadas
“POR UN COUREL VIVO” na percura do
desenvolvemento sustentábel para o Courel. Nelas, participaron por primeira vez todos os departamentos da administración implicados na xestión da zona. Á mesa redonda asistiron: o subdirector xeral de
Turismo, Xabier Valiño; o delegado de
Cultura en Lugo, Xoán Xosé Molina; Antonio Sampaio, pola delegación da
Vicepresidencia en Lugo; Cándido Sánchez, xefe de servizo de Promoción da
Saúde; Roxelio Fernández, subdirector xeral de
Conservación da Natureza; Felipe Arias, director xeral de
Patrimonio; Carlos Silva, representando ao Instituto Galego de
Promoción Económica (IGAPE); Vítor Álvarez, xefe de servizo de Infraestruturas de
Medio Rural en Lugo; Xabier Bruña, xefe de servizo de
Montes en Lugo, entre outros. Baixa as
CONCLUSIÓNS das xornadas.
Todos eles expuxeron en representación dos seus respectivos organismos e institucións as liñas de actuación que se están a artellar na Serra Oriental. No seu conxunto felicitaron a ADEGA pola iniciativa e coincidiron na necesidade de establecer plans e proxectos conxuntos para o Courel que garanticen un desenvolvemento futuro da montaña lucense desde a perspectiva da sustentabilidade, para o que sería preciso unha maior colaboración e transversalidade entre as propias consellarías e con outras administracións, como as locais. Tras a asunción pola práctica maioría dos intervintes do declive progresivo do Courel a nivel poboacional, económico e ambiental, falouse da necesidade de reformulacións lexislativas de normativas caducas que están a favorecer a degradación da zona, nomeadamente en materia de Industria, Minas e Patrimonio Cultural.
Por parte da Consellaría de Medio Ambiente crese necesario fomentar unha maior
transversabilidade entre os organismos públicos para que o futuro
Parque Natural do Courel non sexa só unha “declaración no papel”, senón que se traduza a feitos concretos onde todas as consellerías tiveran a súa parte de responsabilidade de execución e asumiran riscos. Coincidiron con esta perspectiva os representantes da Consellaría de Medio Rural, quenes fixeron fincapé nas posibilidades de creación de
emprego no Courel e as súas potencialidades no eido forestal e agropastoril.
Desde as agrupacións locais solicitouse un maior amparo por parte da Xunta de Galiza á hora de ter que aplicar normativas e executar accións que vaian contra os intereses da poboación. Por último, os participantes coincidiron na necesidade de trasladar o mesmo debate interadministrativo sobre as posibilidades de desenvolvemento do Courel á propia zona interesada para poder informar e formar á propia poboación local, así como crear un proxecto de sostibilidade conxunto, coherente e integrado por todos os estamentos públicos e sociais, no que a participación social sexa prioritaria.
Nesta mesma xornada, expertos na xeodiversidade do Courel, como o catedrático galego de xeoloxía Xoán Ramón Vidal Romaní, Aurora Grandal, do Instituto Xeolóxico Universitario Isidro Parga Pondal; os especialistas na biodiversdidade do Courel Pablo Ramil e Manuel Antonio Guitián; e coñecedores do patrimonio, cultura, paisaxe e etnografía da zona coma o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, o arquitecto Xosé Carlos Carreira, e Rafael Crecente do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural interviron en sesións explicativas sobre a situación ambiental do Courel co obxectivo de facer unha chamada de atención á sociedade e ás administracións públicas para buscar alternativas de desenvolvemento á situación actual da zona.