Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Caixa Galicia e a protección dos espazos naturais

A Xunta e Caixa Galicia asinaron un acordo polo que se pretende preservar diversos espazos naturais. A forma de conseguir este amparo susténtase na compra por parte da entidade bancaria de terreos que forman parte de espazos dignos de protección

Enviada por Kropotkin Kropotkin o 20/07/2007 02:26

A Xunta e Caixa Galicia asinaron un acordo polo que se pretende preservar diversos espazos naturais. A forma de conseguir este amparo susténtase na compra por parte da entidade bancaria de terreos que forman parte de espazos dignos de protección. Caixa Galicia aportará 40 millóns en 3 ou 4 anos para financiar proxectos dos que se beneficiarán enclaves de alto valor natural, entre eles as Fragas do Eume, lugar polo que o director xeral da entidade amosou sempre unha especial predilección. Este altruísta home das finanzas posúe unha casa, antiga rectoral e patrimonio da Igrexa, ás portas do parque natural. Lembremos tamén que o seu apego por este lugar estivo a piques de ser recompensado pola corporación municipal que dirixía Belarmino Freire nomeándoo fillo predilecto de Pontedeume.
Hai poucos meses Caixa Galicia adquiríu a illa de Sálvora, dentro do parque natural das Illas Atlánticas pero esta operación foi finalmente abortada polo Ministerio de Medio Ambiente que entendía que a citada illa debería formar parte do parque e polo tanto ser de titularidade pública. Non parece ser esta a opinión da Xunta que dirixe Touriño, que non ten reparos en apoiar o afán especulador de Caixa Galicia. Porque de mera especulación se trata. Amais de admitir implicitamente que os poderes públicos non son quen de garantir a tutela dos espazos naturais, Touriño acepta que sexa unha empresa de capital privado a que utilice o patrimonio natural dos galegos como obxecto de investimento. Se antaño a Igrexa foi a detentadora do patrimonio cultural dos pobos , hoxe son as entidades financieiras as que exercen ese poder, pero non só sobre o patrimonio cultural senón tamén sobre o arquitectónico e o territorial. Son numerosos os edificios emblematicos que ditas entidades posúen en todas as cidades, obras de arte e agora parques naturais. Sabemos que o diñeiro como moeda perde o seu valor en cuestión de meses; o intelixente é especular.
Poñer nas mans de Caixa Galicia a protección das paraxes naturais é como pedirlle ao raposo que protexa ás galiñas. Esta entidade ten participación en proxectos que atentan contra o medio ambiente, o territorio e a saúde das persoas. Reganosa, Endesa e Ence son exemplos flagrantes destas actividades. Resultan grotescas as palabras do presidente da Xunta ao dicir que “é o mellor sinal de que desde a preocupación amosada por Caixa Galicia se sintoniza cos mellores valores dunha sociedade moderna, dunha sociedade democrática que sabe e que ten nos seus recursos, no noso patrimonio e no noso territorio os mellores valores".
Información tomada de http://pontedeume.blogspot.com/


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Caixa Galicia e a protección dos espazos naturais