
A 
bandeira azul tense convertido en sinónimo de praias en bo estado, mais non garante a calidade ambiental dun litoral. Os criterios polos que a 
FEE (unha 
fundación privada fortemente subvencionada polos concellos e a industria turística) concede a bandeira azul, atenden principalmente á calidade da auga e aos servizos da praia. No entanto, moitas praias con bandeira azul son exemplo de 
práticas insustentábeis: urbanismo agresivo, turismo descontrolado, destrucción de áreas dunares... que degradan o seu equilibrio ecolóxico. Porén, dende 1999 a CE deixou de financiar á FEE, xa que segundo o Parlamento Europeo a concesión de bandeiras azuis “convertiuse nunha 
actividade enganosa, ao utilizar un símbolo de suposta calidade sen a garantía dos organismos oficiais da UE”.
					  
Este ano, a FEE (Fundación de Educación Ambiental) através da súa filial española ADEAC (Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor) concedeu 127 bandeiras azuis no litoral galego. Este símbolo pretende ser garantía dun litoral en bo estado e para moita xente mesmo é sinónimo de calidade ambiental. Mais segundo a daquela comisaria de Medio Ambiente da U.E., Margot Walström, a Comisión Europea retirou dende 1999 as subvencións á FEE porque “os criterios que segue para outorgar este distintivo, como símbolo de calidade de praias e augas, carecen de suficiente rigor”. O proprio Parlamento Europeo, sinalaba daquela que a concesión de bandeiras azuis “convertiuse nunha actividade enganosa, ao utilizar un símbolo de suposta cualidade que non ten a garantía dos organismos oficiais da U.E.”.
  Ainda que dende aquela, os criterios de concesión tornáronse máis rigorosos, a bandeira azul está aínda lonxe de ser sinónimo de litoral ben conservado. Como indica a propia FEE no seu manual sobre a bandeira azul 
"identificar y/o premiar aquellas playas más verdes, remotas o inaccesibles y mejor conservadas ecológicamente, no es función de Bandera Azul". Acontece que só se monitoriza a calidade das 
augas de baño e os servizos hixiénico-sanitarios e de seguridade da praia, e unicamente durante a tempada estival. O resto do contorno, como por exemplo as dunas, o estado da orla prelitoral, a calidade paisaxística e a ausencia de impactos sobre os hábitats e especies costeiras non figuran como condicións necesarias para a concesión deste distintivo. 
     
   Deste xeito algunhas das praias que veñen sendo recoñecidas coa bandeira azul amosan 
graves problemas ambientais relacionados coa presión urbanística e turística, que están a comprometer gravemente a súa conservación. 
Construccións en primeira liña, circulación de 
quads e todo 
terreos e 
aparcadoiros de veículos sobre as dunas (ver foto da praia da Corna, no Caramiñal, bandeira azul), emisarios de 
augas fecais, etc. comparten protagonismo coa bandeira azul.     
      Para dar a coñecer esta situación, algúns colectivos ecoloxistas están levando a cabo unha campaña estatal paralela para concesión de bandeiras a determinadas praias, pero neste caso 
bandeiras negras. Preténdese chamar a atención sobre a falta de rigor dalgunhas bandeiras azuis, que se conceden máis en función de 
intereses turísticos que atendendo aos valores medio ambientais das praias.
   Dende ADEGA propoñemos que para garantir o bo estado ecolóxico do litoral non abonda con saber se a auga é apta para o baño ou se hai duchas, accesos sinalizados e socorristas. Deberiase avaliar tamén como criterios obrigatorios e durante todo o ano cando menos os seguintes:
 
-Cumprimento estrito das esixencias das figuras de protección ambiental do contorno. 
-Estudos de impacto ambiental e capacidad de carga do ecosistema litoral.
-Estacionamiento de veículos limitado e alonxado da praia. Prioridade ao uso de bicicletas e aos senderos peonís.
-Limitación ou 
supresión da limpeza mecanizada.

-Ausencia de instalacións e concesións de servizos non imprescindíbeis na praia.
-Códigos de conduta específicos e estritos.
-Limitacións estritas de ruidos e proibición de embarcacións, especialmente de motor, a menos de 200 m. da beira, excepto para o salvamento.
-Medidas activas e pasivas de conservación do ecosistema marítimo-terrestre, con especial atención aos cordóns dunares e fondos mariños, a ser posíbel, en cooperación con entidades ou expertos conservacionistas.
-Millor calidade da información e a educación ambiental e/ou centro de interpretación próximo.
-Formación específica do persoal para a vixianza ambiental.
 
Actualmente a bandeira azul non garante o cumprimento destes criterios, polo que para os ecoloxistas ten ben pouca credibilidade ambiental.