Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reaccións á sentenza do TC sobre o Estatut

Feijoo: "A única nación que hai en España é España"

O presidente da Xunta di que planea esta lexislatura unha reforma "constitucional" do Estatuto. O PSdeG evita falar do termo nación e o BNG di que o TC non o rexeita.

Redacción - 17:00 29/06/2010
Feijoo, este martes en Lugo (ampliar)

Feijoo, este martes en Lugo (ampliar)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, expresou este martes o seu compromiso de presentar nesta lexislatura unha "reforma constitucional" do Estatuto de Autonomía de Galiza, unha vez coñecida a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Cataluña.

O titular do Executivo avanzou esta intención aos medios de comunicación no transcurso da súa participación na presentación do novo hospital de Lugo, que comezará a funcionar após o verán.

Sobre a sentenza do Constitucional, o presidente da Xunta dixo que existe unha "clara conclusión" e é que a única nación que hai en España "é España" e Cataluña, agregou, "é unha nacionalidade histórica igual que Galiza".

Tamén extraeu outra conclusión da sentenza en materia idiomática, ao observar que queda claro que nas comunidades onde hai dúas linguas "as dúas teñen que ser respectadas".

"Galiza -apuntou- con esta sentenza iniciará un proceso de reforma estatutaria constitucional e útil, aínda sendo conscientes de que non é a prioridade dos galegos, ao longo da lexislatura do Estatuto de Autonomía".

A esta reforma, dixo, chegarase cunha lección aprendida: "Os estatutos de autonomía non lle poden crear problemas á xente, senón resolverllos". "Por iso -apostilou- a reforma do Estatuto de Galiza ten que servir para resolver problemas e non para incrementalos".

E reiterou que, aínda sendo prioritaria a crise económica, durante a lexislatura "cumpriremos o compromiso de presentar unha reforma constitucional do Estatuto de Autonomía de Galiza".

PPdeG: "Invalidez xurídica do termo nación"
O viceportavoz do grupo parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, asegurou que o fallo contribuirá a "aclarar o panorama" no noso país respecto da reforma pendente, e entende que a sentenza "demostra que había motivos para presentar recursos", dado que "nada menos que 14 artigos foron declarados inconstitucionais e 27 susceptíbeis de interpretación".

Puy considerou que "todos temos que contribuír a crear" en Galiza "un clima que permita mellorar a nosa norma institucional básica" logo de 30 anos de vixencia "tan útil para o país"

Tamén, destacou que algúns dos artigos do Estatuto catalán revisados polo TC "inciden no debate que tiñamos en Galiza", entre estes, "o tema da invalidez xurídica do termo nación" ou o recoñecemento de que "non pode existir un deber xuridicamente exixíbel de coñecemento dun segundo idioma".

PSdeG: "Non ten relación co Estatuto galego"
Pola súa banda, a portavoz do PSdeG, Mar Barcón, afirmou pola contra que os elementos sobre os que o TC fai observacións no seu ditame non teñen relación ningunha co contido da reforma do Estatuto galego. "Non hai ningún elemento" que estea recollido na "proposta de reforma" da norma para o noso país.

Barcón opinou que "chegou a hora" de abordar esta reforma, que se no seu día se frustrou foi por "un único culpábel: Alberto Núñez Feijoo", cando "a estratexia en Génova", sede do PP estatal, era "recorrer ante o TC o Estatuto catalán e aquela cantilena de que España rachaba".

Recordou tamén que hai case un ano o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, "fixo formalmente unha oferta ás restantes forzas políticas para que sexa no Parlamento onde se inicien os labores e se retome o proxecto frustrado de reforma do Estatuto".

"Sempre acudimos puntuais cando se trata de falar de autogoberno, do Estatuto de Autonomía. Agardamos que as restantes forzas políticas estean a altura das circunstancias", resolveu.

BNG: "Non aceptamos os límites impostos por PP e PSOE"
De "inaceptábel" cualificou o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, a sentenza, e negou a "capacidade" do TC para xulgar os estatutos. Sinalou ademais que o Estatut é froito dun "acordo político", aprobado polo Parlament, polas Cortes e en referendo popular, polo que mostrou a súa convicción de que "non é razoábel" que tras estes acordos sexa un tribunal o que se converta en terceira Cámara lexislativa e "decida o que é legal e o que non".

Vázquez argumentou que o TC non está para decidir estas cuestións xa que, ante unha reforma da Constitución, "quen definiría os límites desa reforma?", preguntouse. "Pois exclusivamente as forzas políticas e as cámaras representativas", respondeuse a si mesmo.

O portavoz da formación frontista indicou que os estatutos son tamén parte da arquitectura constitucional do Estado e, polo tanto, apuntou, o BNG "nega a capacidade dese Tribunal para xulgar unha cuestión sobre isto".

A sentenza, a falta da literalidade dos razoamentos xurídicos, é "negativa", sinalou, xa que "fixa teitos competenciais restritivos, o que impide claramente un avance importante" na configuración do que o BNG cre que é a "realidade do Estado, unha realidade plurinacional, plurilingüística e pluricultural", afirmou.

Guillerme Vázquez cualificou o TC como un "tribunal deslexitimado" por obedecer, na súa opinión, os designios partidistas de PP e PSOE, polo que "dita unha sentenza política". "Preocúpalle máis a sacrosanta indisolubilidade da nación española que o pacto político", afirmou Vázquez.

Avanzou neste senso que o BNG presentará de novo un texto articulado para un novo Estatuto de Galiza "que incluirá a palabra nación" para a definir. "O BNG non acepta os límites impostos por PP e PSOE" e emprazou o resto de forzas políticas a "non impedir" o debate dun novo estatuto "de nación"..

"Non nos imos pór límites a nós mesmos, a nós non nos vai condicionar esta sentenza", insistiu Vázquez, que recordou que "das poucas cousas que non rexeita o TC é que figure o termo nación", concluíu.


1,53/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: