Francisco Jorquera subliña que as infraestruturas “non son gratis, xa que as pagamos todos cos nosos impostos”
Todas as alarmas saltaban hai uns días cando o ministro de Fomento, Xosé Blanco, anunciaba que o goberno español buscará fórmulas “para garantir a inversión en construción e mantemento das infraestruturas” mediante novas vías de ingresos. Aínda máis, o socialista advertiu que esta decisión suporá mudar a actual “cultura do todo gratis”.
Dende o BNG, entende que estas palabras abren as portas a un novo modelo de infraestruturas, no que se lle daría prioridade ás estradas que aseguren un retorno económico rápido e no que se lle darían prioridade ás actuacións nas zonas urbanas ou de máis fluxo de tráfico.
En consecuencia, o portavoz nacionalista no Congreso, Francisco Jorquera solicitou a comparecencia de Blanco para que explique a política a seguir tanto en materia de infraestruturas como na posíbel aplicación de novas peaxes aos usuarios. En relación coas palabras de Blanco, Jorquera subliña que “o concepto do todo gratis ao que aludiu é equívoco e moi discutíbel” e apunta que “as infraestruturas non son gratis xa que as pagamos todos cos nosos impostos”.
O BNG destaca que “as infraestruturas son importantes para atender a demanda existente e tamén para xerar demanda; como factor de cohesión territorial e para rachar cos desequilibrios territoriais”. Asemade, advirte de que facer que prevaleza o criterio economiscista do Ministerio “podería ser moi prexudicial para Galiza”.
E os servizos ferroviarios?
Tamén empregaba Blanco este criterio economicista para falar dos trens, afirmando que pecharía as liñas de tren con poucos pasaxeiros. Jorquera tamén pide ao ministro que informe sobre as previsións respecto á posibilidade de eliminar servizos ferroviarios en Galiza e afirma que “haberá que examinar por que algúns servizos ferroviarios non son rendíbeis xa que”, dixo, “en moitos casos, estamos a falar de servizos que non son asumíbeis en tempos de viaxe nin en prezos”.