Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A REHABILITACIÓN COMO ALTERNATIVA

Outra política de vivenda é posíbel

O estoupido da burbulla inmobiliaria demostrou a insustentabilidade do urbanismo practicado nos últimos anos. A Coruña é un exemplo de cidade que aposta por iniciativas que pasan pola recuperación dos inmóbeis xa existentes.

Redacción - 09:30 20/06/2010

Houbo un tempo no que a burbulla inmobiliaria semellaba non ter fin. Na última década, o Estado Español (Galiza non foi allea a esta dinámica) estaba á cabeza mundial en construción de vivenda. O clímax, pouco antes do estoupido, viviuse en 2006, naquel ano de grúas e champaña construíronse 900 mil vivendas novas. Catro anos despois, metidos de cheo nunha crise xeral  que en boa parte é consecuencia do anterior, a penas se constrúe unha sexta parte daquela cifra.

Pero unha das leccións máis importantes que se extrae daquela orxía especuladora é a necesidade dunha política de vivenda sustentábel, que pense máis no benestar das persoas e no respecto polo hábitat que as rodea e que deixe nun plano secundario a febre do diñeiro rápido. Pero cal é o modelo? En cidades como a da Coruña téñeno claro: a rehabilitación ten que ser un obxectivo preferente nas políticas de vivenda.

A febre inmobiliaria pasada, e a fluidez do crédito, fixo que moitos particulares e administracións deixasen a un lado este tipo de opcións. A consecuencia foi o abandono e a degradación de zonas emblemáticas das cidades. Como sucede en practicamente todas as cidades, A Coruña está sobredimensionada en edificios que teñen pisos baleiros.

O anterior paradoxo, canda a construción de pisos máis baratos en concellos limítrofes, traduciuse nunha caída poboacional en moitas zonas do casco urbán coruñés. Como se loita contra estes efectos colaterais que deixou a febre inmobiliaria? Dende o consistorio consideran que o obxectivo das políticas de vivenda é apostar pola cidade de sempre, iso si, facéndoa máis cómoda e sustentábel, que ao final, é a mellor maneira de revitalizala.

Dende que en 2007 se puxese a andar unha concellaría con competencias en vivenda, e dotada de recursos humanos e materiais específicos, a rehabilitación de edificios e zonas comúns de diversas rúas e barrios coruñeses é o buque de insignia do departamento. A Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA), dependente do mesmo departamento, ten como obxectivos prioritarios o fomento de vivendas de alugueiro para xente nova, xubilados e familias monoparentais e tamén o incremento da compra-venda de vivendas usadas.

A prioridade son as zonas históricas
Aínda que o plan de axudas para rehabilitar vivendas beneficia amplas zonas da cidade, os pisos que se atopan en zonas históricas da cidade gozan de certa prioridade. Un exemplo é o PREPI que leva xa seis millóns de euros investidos na reurbanización da zona vella e da Pescaría e onde se fixeron importantes actuacións na humanización de espazos públicos.

As chamadas ARI (Área de Rehabilitación Integral) teñen como principais aliados aos propios veciños das zonas afectadas (...) En barrios tradicionalmente marxinados polas administracións, como é o caso da Sagrada Familia, o diálogo cos propietarios dos edificios (portal a portal) foi a chave para unha ampla recuperación deste espazo urbano.

Pero como se fomenta a rehabilitación?
As axudas e os acordos entre os propietarios son dous puntos fundamentais á hora de recuperar inmóbeis. As axudas poden chegar até os 10 mil euros por veciño. As obras promovidas melloran elementos externos como tellados, fachadas, que se rehabilitan tendo sempre en conta os arquetipos da zona. Mais a principal novidade da Coruña e que é a única cidade do país que adianta o importe das axudas antes de que se leven a cabo as propias obras. Os propietarios deben presentar factura da empresa que vai acometer a reforma e así axilízanse os pasos burocráticos que tantas veces fan que os veciños se retraian á hora de dar o paso.

Outro proxecto de interese é o de facilitar que os inmóbeis antigos teñan a posibilidade de contar cun elevador (un equipamento moi importante á hora de revalorizar en servizos un edificio). O Concello dispón de mecanismos para que, en caso de que un veciño se negue a participar na mellora, consiga saír adiante a vontade maioritaria dos propietarios e así se está a facer xa.

Os datos son máis que esperanzadores. Se en 2008 no casco histórico foron 400 os pisos rehabilitados dentro destes programas, ao ano seguinte pasaron de 800 e dende a Concellaría de Vivenda agardan que en 2010 a cifra anterior chegue incluso a duplicarse.


4,75/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Edificio rehabilitado na céntrica rúa de Rego de Auga
Edificio rehabilitado na céntrica rúa de Rego de Auga
Vista dende o interior dun inmóbel restaurado na zona vella
Vista dende o interior dun inmóbel restaurado na zona vella
Humanización dos espazos públicos: Praza de Santa Catalina
Humanización dos espazos públicos: Praza de Santa Catalina
Na rehabilitación do popular barrio da Sagrada Familia foi crucial a colaboración veciñal
Na rehabilitación do popular barrio da Sagrada Familia foi crucial a colaboración veciñal