Os conservadores fan pública unha nota de prensa na que sinalan que a norma aprobada esta semana cumpriu a "vontade das urnas".
O Partido Popular intenta pechar de xeito definitivo o forte debate social que xerou a derrogación do decreto de linguas e a imposición dunha nova normativa que ergueu innumerábeis críticas. Logo de que o Consello da Xunta aprobase definitivamente o decreto, o PPdeG vén de enviar un comunicado público no que salienta que o goberno de Núñez Feijoo cumpriu todos os seus compromisos electorais en materia lingüística.
O seu voceiro de Educación no Parlamento, Román Rodríguez, subliña que “o decreto recolle o sentir maioritario da sociedade galega” e “foi consultado con todo o mundo”. Como exemplo, o deputado sinalou que se retirou a consulta aos pais en Primaria e Secundaria, seguindo o ditame do Consello Consultivo, aínda que Feijoo prometeu unha nova lei para posibilitar as enquisas ás familias antes de que remate a lexislatura.