Os nacionalistas tamén ven "pasividade" do Goberno diante dos desinvestimentos das dúas entidades en sectores estratéxicos.
Fernando Blanco, voceiro parlamentar do BNG na área de Economía
O exemplo da venda da tecnolóxica R a capital estranxeiro volveu a primeiro plano esta cuarta feira no Parlamento de Galicia. Un chanzo que non tería acontecido coa nova lei galega de caixas "xa que tería que ter a autorización da Xunta", recordou o voceiro parlamentar do Bloque na área de Economía, Fernando Blanco.
A lea viña a conto da proposición non de lei do BNG para a aplicación da Lei Galega de Caixas de Aforros, iniciativa rexeitada polo PP e diante da cal o PSdeG elixiu absterse. Para o portavoz nacionalista, a lei aprobada polo Parlamento en decembro debe ser desenvolvida "para garantir que as caixas de aforros sigan tendo un carácter social e vinculado ao territorio".
De paso, advertiu Fernando Blanco que a súa formación non está disposta "á bancarización das caixas". Blanco criticou o pacto a nivel estatal que a pasada semana asinaron PSOE e PP "para bancarizar e privatizar as caixas, ao dotar de dereitos políticos ás cotas participativas". "Para isto non conten co BNG", avisou. Ao tempo cualificou de "chantaxe" que a fusión de Caixa Galicia e Caixanova estea condicionada á modificación da lei galega de caixas.