Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Mistura" de actividade institucional e partidista

Rueda e as "vellas prácticas de Fraga"

O BNG exixe as facturas da viaxe do conselleiro de Presidencia a Venezuela e o PSdeG, explicacións sobre o uso de logotipos da Xunta por parte do PPdeG.

Redacción - 13:35 28/04/2010

O portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, pedirá copia das diferentes facturas do secretario xeral do PPdeG e conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, a Venezuela, ao considerar "confirmado" a través da web da Xunta que "boa parte" das actividades que realizou alí eran "institucionais".

Aymerich advertiu que o portal informou "puntualmente" da axenda de Rueda, xunto ao secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, e do carácter "institucional" da viaxe. Por iso, "cuestiona" que sexa certo, tal e como asegurou o PPdeG, que os custos corresen a cargo do partido.

"Planea a sombra de se reproducir vellas prácticas de Manuel Fraga en relación á emigración", alertou Aymerich ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a quen recordou que na etapa do de Vilalba á fronte da Xunta "pagábanse con diñeiro público" os actos dos populares na diáspora.

Neste sentido, emprazou a Núñez Feijoo a aplicar "a austeridade que tanto predica" e os recortes orzamentarios para "evitar este tipo de sucesos". "E non para acabar cos servizos públicos esenciais", apostilou.

Uso de logotipos da Xunta polo PPdeG
Por outra banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, e o viceportavoz, Xosé Manuel Lage Tuñas, presentaron este martes unha interpelación para que o Goberno explique as normas de uso dos logotipos e marcas rexistradas da Xunta.

"Non parece moi apropiado o uso de logotipos dunha institución como o Xacobeo 2010 nun cartel publicitario dun partido político, neste caso do PP de Venezuela", alegou Lage Tuñas, nun comunicado, en referencia a un acto organizado no marco da viaxe de Rueda.

Lage Tuñas considerou que o uso do logotipo do Xacobeo 2010 por parte do PP en Venezuela no primeiro congreso desta formación "abre serias dúbidas" sobre a separación da actividade institucional e a actividade partidista por parte dos actuais responsábeis da Xunta.

Os socialistas rexistraron esta iniciativa despois de que o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, defendese na sesión parlamentaria deste martes que o logotipo do Xacobeo "pódeo usar calquera". "Vostedes tamén, se queren", espetou aos grupos da oposición.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: