Nos micrófonos de Onda Cero, o secretario xeral do PsdeG admitiu que a fusión é a mellor vía para as entidades pero cualificouna de "parto dolorosísimo".
O líder dos socialistas galegos afirmou este xoves que confía en que o actual proceso de negociación cara ao futuro das caixas de aforros vai rematar ben, aínda que definiuno de "parto dolorosísimo". En declaracións para Onda Cero, Manuel 'Pachi' Vázquez admitiu que a defensa das respectivas visións desde o contorno de cada unha das dúas entidades financeiras galegas estaría complicando a situación, mais dixo esperar que a colaboración de todos deixe de xerar tensión.
Por outra parte, criticou con dureza o anunciado recurso da Xunta contra o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), advertindo de que na súa opinión é un obstáculo engadido "para un proceso xa de seu moi complexo". Interpretando o propio anuncio do recurso como unha resposta do Goberno aos avisos do presidente do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, o secretario xeral do PsdeG defendeu a capacidade desta institución para evitar "inxerencias políticas" sobre os cartos dos aforradores. Unha marxe de manobra que, subliñou Pachi Vázquez, inclúe a posibilidade de intervención das entidades. "É desexábel que non haxa que chegar a iso en Galiza", comentou.