Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PERTO DO SEU DÍA INTERNACIONAL

O teatro: compromiso e liberdade

O Manifesto Galego do día do Teatro, asinado por María Xosé Queizán, reivindica as artes escénicas e a cultura como sector produtivo estratéxico para Galiza.

Redacción - 10:20 19/03/2010

O mundo teatral reivindica para si o gran papel que ten nas súas mans, “nunha sociedade que tanta necesidade ten de acción, de progreso e de transgresión”. En vésperas do día Internacional do Teatro, que se celebra este mércores 25 de marzo, o Manifesto Galego defende a súa condición de sector produtivo e estratéxico xerador de riqueza do país (case un 2% do PIB), especialmente nunha conxuntura de crise como a actual.

María Xosé Queizán, autora do texto, daralle lectura pública na Gala de entrega dos Premios de Teatro María Casares, na que fará unha defensa das artes escénicas como “escola do mundo moral, dunha grande responsabilidade ética” e no que se une “pensamento e acción; política e liberdade”.

  • Reproducimos aquí o MANIFESTO MANIFESTO GALEGO DO DIA INTERNACIONAL DO TEATRO por María Xosé Queizán

Moitas persoas non poderíamos vivir sen a cultura, sen o coñecemento e o pracer que nos facilita a lectura, o teatro, a música, o cine...Pero, ademais sabemos por fiables e recentes estudos que a cultura en Galiza xera un PIB de case un 2%, está por riba do sector téxtil, do naval e do químico. É, daquela, tamén un ben económico, un sector productivo. As Institucións e as Autoridades, pois, ademais de estaren interesadas polo fomento da cultura no país, saben que é un sector estratéxico que crea riqueza. Son conscientes de este importante e amplo valor.

Entre as que máis progresaron ultimamente están as artes escénicas. O público asiste cada vez máis ao teatro confirmando as ansias de participación cívica. O teatro é un xénero político por excelencia, e leva a cabo unha actividade pública que mantén o compromiso coa realidade. Unha arte na que o proxecto é imprescindible. Para facer teatro é preciso ter unha historia, un conflicto, uns personaxes e un método sistemático para desenvolver a trama. Achegase máis que outros xéneros a un traballo científico.

Na comunicación directa co público é necesaria a comprensión. O teatro é a escola do mundo moral, ten unha gran responsabilidade ética. No escenario créase tensión, hai conflictos como na vida mesma. Ten carácter dialéctico, orixina unha oposición discrepante, un debate de ideas e de comportamentos.

Na acción escénica hai necesariamente movemento. O escenario é o espacio de aparición. Os personaxes son axentes transformadores que fan pensar en común ao público asistente, unido polos mesmos criterios e acontecementos. O teatro é público e move a conciencia colectiva, ten un carácter interactivo. Non é unha arte que se goce individualmente. É unha vibración común e pública. No teatro únese pensamento e acción; política e liberdade.

Velaí, clan do teatro, amigas e amigos do teatro, o gran papel que tendes nas vosas mans, nesta sociedade que tanta necesidade ten de acción, de progreso e de transgresión.


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



14 espectáculos recibiron algunha das nominacións aos Premios María Casares
14 espectáculos recibiron algunha das nominacións aos Premios María Casares
María Xosé Queizán é a autora do Manifesto
María Xosé Queizán é a autora do Manifesto