A dirección de Barreras accede a manter unha xuntanza para aclarar as contratacións alleas á bolsa de traballo e desbota denunciar os manifestantes.
Imaxe: Zélia Garcia
Logo de 16 horas subidos ao guindastre de Barreras, en Vigo, os dous traballadores do sector naval en paro que protestaban polas contratacións de persoal fóra de convenio decidiron baixar. Alí pasaron todo o día e toda a noite do xoves, dende as catro da mañá, sen corrente eléctrica e sen ningún tipo de comodidades, como mantas ou alimentos.
Unha asemblea da Plataforma de Traballadores tomou a decisión na mañá deste venres, logo de que a dirección de Barreras adquirise o compromiso de manter unha xuntanza para aclarar as discrepancias sobre a contratación de traballadores estranxeiros en troques dos parados da bolsa de traballo, tal e como se acordara por convenio. Ademais, a empresa desbotou presentar denuncia algunha contra os protagonistas da protesta, logo de que o xoves ameazase con esta posibilidade argumentando a falta de produción do guindastre no que estaban pechados.
Os dous traballadores recibiron o apoio dos seus compañeiros en paro, que os foron recibir á súa baixada, e tamén o dos empregados no estaleiro, que saíron até a porta de Barreras para amosarlles a súa solidariedade.