Escollidos os tres finalistas da cuarta edición do Premio de Teatro Radiofónico, promovido polo Diario Cultural da Radio Galega.
Un total de 27 obras optaron este ano ao premio de Teatro Radiofónico, organizado polo programa Diario Cultural da Radio Galega e o Centro Dramático Galego (CDG), co patrocinio da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). Así, na súa cuarta edición, o certame volveu amosar o interese que esperta a dramatización radiofónica e cumpre os seus obxectivos: fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico e contribuír á recuperación do xénero dende unha perspectiva contemporánea.
Os tres finalistas son as obras presentadas baixo os lemas O vento da illa, Nunca me esquecerei de ti e Indoor. Agora, estes textos serán dramatizados por un equipo de actores e actrices coordinado polo Centro Dramático, baixo a dirección de Ánxeles Cuña, e serán emitidas na Radio Galega ao longo do vindeiro mes de marzo.
O xurado do Premio estivo integrado por Rubén Ruibal, Ánxeles Cuña, María Paredes, Camilo Franco e Ana Romaní. Logo da súa emisión, darase a coñecer o Premio do Xurado e o Premio da Audiencia, dotados ambos con tres mil euros.