Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS NO MNAC, NA FUNDACIÓN MIRÓ E NO MUSEO PICASSO

De abstraccións, de erotismos e de santas que suplantan herexes

A arte foi e segue a ser un bo reflexo das sociedades que o xeran, e tanto serve para proclamar certezas vitais como para axudar á confirmación das mentiras. É o erotismo un xeito de transcender a temporalidade?

Lito Caramés - 21:30 17/01/2010

As galerías de arte e as salas dos museos están cheas de propostas artísticas de calidade. Nalgúns casos son un bo xeito de loitar contra a crise esta que non acaba de marchar. De todas elas coméntanse aquí tres, ben diversas nas temáticas, nos tempos e nas xeografías; e ben atractivas. 

MNAC: Catarina de Alexandría, “alias Hipatia”?

O Museu Nacional de Arte de Catalunya, como parte da súa programación para celebrar os 75 anos de existencia, permite ver xuntas e de balde as pinturas murais que decoraban as paredes da capela de Santa Catarina da catedral da Seu d'Urgell, baixo o título de “La princesa sàbia” e comisionada por Manuel Castiñeiras. Estas pinturas románicas de mediados do s. XIII arrincáronse das paredes a comezos do XX (unha das técnicas usadas foi o strappo) e iniciaron viaxes por separado. Actualmente atópanse repartidas por Europa, unha parte, “Disputa e arresto de Sta. Catarina” está no mesmo MNAC, outra, “Última Cea”, no Museu Episcopal de Vic e outro anaco (“Martirio de Sta. Catarina”) na fundación Abegg (Riggisburg-Suíza).

O interese das pinturas radica (entre outras razóns) en que son pinturas románicas serodias e nelas comeza a se ver unha nacente profundidade nas escenas, así como ausencia de frontalidade, elementos que logo usará a pintura gótica. E máis aló das súas lecturas iconolóxicas, da importancia histórica e da grande oportunidade de ver novamente xunto todo o programa iconográfico da citada capela, desde o s. XXI pódense facer outras valoracións. Parece ser que Catarina de Alexandría, moza intelixente cristiá e dedicada por completo ao estudo, foi martirizada no s. IV. Curiosamente nada se soubo da súa historia até ben andada a Idade Media. E de aquí é de onde veñen as sospeitas. Moitos especialistas (Amelia Valcarcel, por exemplo) consideran que houbo suplantacións de personalidades. Segundo estes estudosos Catarina foi inventada, ou “reinventada”, para realmente cristianizar a Hipatia de Alexandría, moza intelixente, dedicada por completo ao estudo, inimiga de fanatismos. Hipatia, como recreou non hai moito Alejandro Amenabar en Ágora, foi executada (descarnada, seica) por extremistas cristiáns a comezos do s. V. De ser certa esta tese, os filósofos levan tempo celebrando como patroa, non a unha tal Catarina, senón a nada menos que Hipatia de Alexandría. A cantos deles lles agradará saber deste cambio?

Museu Picasso: o erotismo oriental e mais Picasso.

Nova entrega da produción sectorial do pintor malagueño, nova decepción para quen coidou que a “vaca-picasso” xa non daba máis leite. A mostra “Imatges secretes. Picasso i l'estampa eròtica japonesa” (Museu Picasso de Barcelona) parte do descubrimento de que Pablo Picasso comprara e conservou consigo máis de 60 estampas eróticas xaponesas, coñecidas como “shunga”. As estampas shunga -unha variedade dentro da arte do ukiyo-e (da que houbo unha interesantísima mostra na Pedrera non hai moito)- foron moi populares no Xapón da era Edo e de consumo popular nos séculos XVIII e XIX (as estampas sobre pranchas de madeira en serie tiña prezos asumibles, cousa que as pinturas non). Esas estampas eróticas, moi explícitas, tiñan como clientela máis fiel á clase dos comerciantes. Pero non só aos homes, senón tamén ás mulleres (algúns formatos mesmo están feitos para que as estampas se poidan agochar facilmente nas mangas do quimono).

De sempre se soubo que Picasso traballou arreo temas eróticos. Descoñecíanse até agora as similitudes e coincidencias entre certas estampas shunga e os debuxos picassianos. E esa é a proposta da exposición: buscar e mostrar as relacións temáticas e formais entre milleiros de debuxos de Picasso e a colección de estampas shunga que gardaba nos seus obradoiros. Foi agora cando os herdeiros permitiron ver aos estudosos esas estampas e ao Museu Picasso de Barcelona exhibir unha parte desas estampas shunga a carón de abundantes debuxos picassianos. Entre outros moitos temas coincidentes aparece o curioso caso de muller e polbo, inmortalizado polo mestre Hokusai, moi celebrado no século XIX europeo e explorado por Picasso (asunto que vén sendo unha derivación lúdico-cómica da lenda de Taishokan).

A coidada exposición compleméntase cun delicioso catálogo, elaborado con suma elegancia e acerto estético por Nino Cabero-OXestudio.

Fundación Miró: rebeldía e abstracción de Kupka.

A Fundación Miró presenta 80 obras en colaboración co Musée National d'Art Moderne-Centre Pompidou (París) onde se atopa boa parte da obra de Kupka. Frantisek Kupka (1871-1957), checo instalado en París, inicia publicamente a súa liña investigadora polos vieiros abstractos no ano 1912, cando exhibe a súa obra “Amorfa” (dentro dunha sala dedicada ao cubismo, cousa que ao artista non lle agradou moito). A crítica non lle prestou atención, só G. Apollinaire falou ben del e acabou por clasificalo dentro do “cubismo órfico”.

Desde entón foxe da arte figurativa e busca a abstracción como único xeito de “facer arte puro” (Kupka). Andou cerca do cubismo e tamén do futurismo, co que compartía o seu interese polo movemento, pero nunca se deixou encadrar dentro de ningunha escola artística concreta. As súas pescudas pódense considerar paralelas ás de Kandinski (“Punto e liña sobre o plano”, 1926) e sempre influído pola súa afección á física, como tratando de reflectir nas súas obras as leis que rexen as cores e as súas dinámicas, ou a representación pictórica da música. Tamén se pode ver a creación de Kupka como próxima aos quefaceres da parella Delaunay, que no seu día tamén foron adscritos ao cubismo órfico. Non querer pertencer a ningunha etiqueta, a súa rebeldía e inconformismo, foron os responsables de que non fose considerado un dos artistas pioneiros e fundamentais da arte abstracta.

No ano 1936 (nada menos que aos 65 anos) chégalle o recoñecemento internacional. Ese ano é invitado á xa famosa exposición “Cubism and Abstract Art”, organizada polo MOMA de Nova York, e alí saúdaselle como un dos iniciadores da pintura abstracta. Ese mesmo ano prepáranlle no “Jeu de Paume” (París) unha retrospectiva de toda a súa obra. Logo do seu pasamento (1957), a súa viúva doou moita da súa produción artística ao estado francés, feito que explica que na actualidade moitas das súas obras se atopen depositadas no Centre Pompidou, e unha parte delas ancoren, agora e provisoriamente, na Fundación Miró de Barcelona.

EXPOSICIONS:

Fundació Miró: Frantisek Kupka.
Ata o 24 de xaneiro.

Museu Picasso: Imatges secretes. Picasso i l'estampa eròtica japonesa
Ata o 14 de febreiro.

MNAC: La princesa sàbia
Ata o 28 de febreiro.


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Martirio de Sta. Catarina. Abegg-Stiftung
Martirio de Sta. Catarina. Abegg-Stiftung
Muller e polbo, Pablo Picasso, 1903
Muller e polbo, Pablo Picasso, 1903
Kupka. Étude pour Amorpha, fugue à deux couleurs, 1912
Kupka. Étude pour Amorpha, fugue à deux couleurs, 1912
Amantes con crisantemos, Isoda Koryusai, c. 1776 (Detalle)
Amantes con crisantemos, Isoda Koryusai, c. 1776 (Detalle)
Kupka. Disques de Newton. Étude pour Fugue à deux couleurs, 1911-1912
Kupka. Disques de Newton. Étude pour Fugue à deux couleurs, 1911-1912
Disputa de Sta. Catarina e os sabios. MNAC
Disputa de Sta. Catarina e os sabios. MNAC
Escena erótica. Atribuido a Katsukawa Shuncho, c. 1789-1801 (Detalle)
Escena erótica. Atribuido a Katsukawa Shuncho, c. 1789-1801 (Detalle)