Vigo acolle esta fin de semana unha degustación de castañas organizada polo colectivo Espazo Aberto Antimilitar.
"Se as palabras serven para designar o mundo tal cal é, a palabra guerra debería designar a barbarie e non outra cousa". Así comeza o texto baixo o que se convoca a celebración dun magosto antimilitar en Vigo esta fin de semana. Organízao o colectivo Espazo Aberto Antimilitar e pretende facer un chamado de atención sobre os verdadeiros intereses que se agochan baixo conceptos como os de "guerra xusta", tan de actualidade logo da entrega do Nobel da Paz ao presidente estadounidense.
Cunha explícita crítica á presenza das tropas internacionais en Afganistán, "exemplo acaído de como o uso capitalista da guerra pode dar lugar a unha resposta contraria á mesma, en tanto que expresión práctica do movemento xeral das conciencias", este colectivo convídanos a achegarnos até a viguesa Praza da Princesa este sábado 12 de decembro ás seis da tarde. Adiantan que na festa non faltará a música, información, bebida e como, din, "estamos fartos de comer guerra... haberá "castañas, non bombas".