Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día de San André

Escocia celebra o seu Día Nacional coa vista posta na consulta arredista

O primeiro ministro, Alex Salmond, publicou este luns un documento sobre o futuro constitucional do país. O 75% da cidadanía quere un referendo sobre a independencia.

Redacción - 12:30 30/11/2009
Salmond, co documento, este luns

Salmond, co documento, este luns

O Goberno escocés publicou este luns, día de San André -Día Nacional de Escocia-, o documento Your Scotland, your voice ("A túa Escocia, a túa voz") sobre o futuro constitucional do país baseado na consulta á cidadanía aberta hai máis de dous anos, a denominada National Conversation.

O texto permitirá a redacción dunha Lei de Referendo que á súa vez estabeleza a posibilidade de votar nun prazo inferior a 12 meses. Inclúe varias variantes que van desde manter o actual statu quo até a independencia, pasando por obter máis competencias ou obtelas todas mais seguindo a formar parte do Reino Unido.

O Scottish National Party (SNP) agarda que se poida organizar un referendo a primavera vindeira, mais precisan do apoio dalgún dos partidos estatais con representación no Parlamento escocés (laboristas, conservadores e liberal demócratas), algo que se podería producir ao se abrir o abano de respostas nunha suposta consulta.

Polo momento, só o grupo dos Verdes (con dous deputados) ampara a consulta. A hipotética oposición podería levar o primeiro ministro, o nacionalista Alex Salmond, a adiantar as eleccións, previstas nun principio para 2011.

"De lograrmos explicarlles aos cidadáns os beneficios da independencia, temos moitas probabilidades de conseguir ese obxectivo", sinalou en declaracións á BBC esta fin de semana Salmond, que ademais escribiu o domingo un artigo na web do SNP ao respecto.

Segundo unha sondaxe publicada esta mesma xornada, o 75% dos cidadáns están a prol de que se faga a consulta. Porén, a maioría destes cren que se debería organizar "dentro duns anos". Un 20% non quere que o referendo se leve a cabo.


Ligazóns

4,93/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: