O candidato da Fronte Ampla obtería entre o 44% e 45% dos votos por entre un 30% e 31% do seu rival do Partido Nacional.
O ex ditador Goyo, condenado
Uns 2,5 millóns de uruguaios votan este domingo nas sextas eleccións presidenciais desde o retorno da democracia en 1985. O futuro presidente decidirase entre o senador e ex ministro de Gandaría, Agro e Pesca do actual Goberno, José "Pepe" Mujica, que encabeza a lista do Frente Amplio (esquerda), e o ex mandatario Luis Alberto Lacalle (1990-1995), candidato do Partido Nacional ou "Blanco".
Mujica, ex guerrilleiro dos Tupamaros moi popular entre as clases máis desfavorecidas polo seu discurso directo, conseguiu temperar a súa imaxe grazas á implicación en campaña do xa ex presidente Tabaré Vázquez, socialdemócrata moderado -o primeiro no país.
Ademais, o seu candidato á vicepresidencia é Danilo Astori, ministro de economía durante os catro primeiros anos da presidencia de Vázquez, designado co fin de atraer o voto máis centrista do electorado.
Lacalle, pola súa banda, xa fora presidente entre 1990 e 1995. Preséntase como defensor "do uruguaio, do nacional, da soberanía" e móstrase aberto ao investimento dos empresarios estranxeiros.
As sondaxes para este domingo son favorábeis ao candidato do Frente Amplio, que conseguiría entre o 44% e o 45% dos votos, por entre un 30% e 31% que apañaría o do Partido Nacional. Para vencer en primeira volta cómpre que a forza con maior apoio obteña máis do 50% dos votos.
A ausencia de maiorías absolutas supón que Mujica e Lacalle terían que ir a unha segunda volta, o 29 de novembro, algo que atemoriza a esquerda xa que os de Pedro Bordaberry, do Partido Colorado (entre un 10% e un 12% nas enquisas), poderían apoiar o segundo.
Por territorios, a distribución que reflicten os inquéritos sería a seguinte: o Partido Nacional gañaría en Artigas e Tacuarembó, mentres que o Frente Amplio sería primeira forza en Montevideo (máis da metade da poboación) e Canelones. O Partido Colorado podería obter un bo resultado en Rivera e Lavalleja.
Voto exterior
Hai dúas cuestións clave nestas eleccións: o 10% dos uruguaios que aínda permanecen indecisos e o decisivo "voto buquebus", os 40 mil uruguaios exiliados políticos da ditadura de 1973, tradicionalmente simpatizantes do Frente Amplio e que poderían dividir o voto en beneficio do Partido Nacional.
Neste senso, na xornada electoral do domingo, que será seguida por unha vintena de observadores internacionais, inclúese tamén outro plebiscito, sobre o Voto Epistolar, que decide se se habilita o sufraxio por correo. De se aprobar, máis de medio millón de uruguaios que residen fóra do país poderían votar por correo a partir de 2014.
A reforma desatou a polémica no seo da propia Corte Electoral logo de que o seu vicepresidente, Renán Rodríguez, afirmase nun programa de radio este venres -dentro das 48 horas de reflexión- que o voto por correo "non garante o segredo na emisión" do mesmo, informaron as axencias internacionais.
Memoria histórica e condena a 'Goyo'
Tamén o domingo, a cidadanía terá que decidir en referendo se revocan ou non a Lei de Caducidade da Pretensión Punitiva do Estado, coñecida popularmente como 'Lei de Impunidade', aprobada hai 20 anos, que impedía acusar os militares que incorreron en delitos durante o réxime militar vixente entre 1973 e 1985.
Milleiros de cidadáns manifestáronse en Montevideo o martes para apoiar a súa anulación, un día despois de que a Corte Suprema de Xustiza a declarase inconstitucional. Os participantes na marcha portaron fotografías en negro e branco dos rostros dos máis de 200 desaparecidos durante ese período, así como bandeiras rosadas en alusión á cor da papeleta que promove a anulación da norma. Entre os asistentes ao acto había varios fillos de desaparecidos.
Tamén intelectuais como o premio Nobel da Paz, o escritor arxentino Adolfo Pérez Esquivel ou o uruguaio Eduardo Galeano que declarou que a Lei de Caducidae "é unha triste herdanza da ditadura militar que nos condenou ao pago das súas débedas e ao esquecemento dos seus crimes", informaron os medios locais.
Para que sexa derrogada no referendo do domingo, a nulidade deberá superar o 50% das adhesións. "Hai 20 anos esta lei infame foi confirmada nun plebiscito popular, e algúns dos impulsores daquel plebiscito estamos reincidindo agora a moita honra", dixo Galeano. "Perdemos por moi pouco, mais perdemos. Cremos que esa derrota foi ditada polo medo. O noso país demostrou nestes primeiros anos de Goberno do Frente Amplio que xa non é aquel país paralizado polo medo", agregou.
Precisamente, a tres días dos comicios, a pasada quinta feira, a Xustiza uruguaia condenaba o ex ditador Gregorio Álvarez, coñecido como Goyo, a 25 anos de prisión ao consideralo responsábel do homicidio de 37 opositores de esquerda no ano 1978, cando era xefe do Exército.
Durante os seus anos de mandato, Tabaré Vázquez ordenou escavacións en predios militares a procura de restos de desaparecidos, o que permitiu atopar os corpos de dúas vítimas da ditadura.