Do 17 ao 26 de xullo pasarán pola vila compañías de Madrid, Cataluña, Portugal, Italia, Francia, Brasil, Corea e tamén Galiza.
Será unha das edicións máis especiais da Mostra de Teatro de Ribadavia, coa celebración dos seus primeiros 25 anos de historia e a homenaxe a Rubén García, director do MIT dende a súa creación en 1984, e que faleceu o pasado mes de outubro. Os esectáculos comezarán o venres 17, co pregón a cargo de Cándido Pazó e a representación de Splash, de La Fura dels Baus, no campo de fútbol do Xestal.
Cómpre salientar igualmente a representación da premiada La casa del abuelo da Compañía la Rous, o sábado 18 con dúas únicas representacións limitadas a 50 espectadores cada unha. Tamén chamará a atención dos espectadores Alicia atraviesa el espejo, da madrileña Réplika Teatro, e que contou coa colaboración de Agatha Ruíz de la Prada para o deseño da súa escenografía. En canto á representación galega, destaca A Piragua, de Cándido Pazó, e tamén Trasno de Pistacatro e Dáme Veleno de Sarabela Teatro.
Os actos para conmemorar os 25 anos de historia da mostra, publicarase un libro sobre o XXV aniversario da MIT. E o domingo 19 tamén haberá un espazo para a presentación da colección Abrente de Teatro. A mostra pecharase o domingo 26 coa entrega do premio de Honra Abrente, premio de Textos Teatrais e premio do público. E tamén coa representación de In-Fame, de Excéntrica Producións.