Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Oposición do BNG ao FROB

Jorquera reprocha o silencio da Xunta fronte á ameaza de absorción das caixas galegas

O Bloque advirte da violación ás competencias autonómicas que abre a porta ao afastamento dos centros de decisión das caixas do país.

Redacción - 11:45 07/07/2009

"Como estes dirixentes poden dicir que están en contra desta absorción cando o Partido Popular negociou os contidos do decreto que crea o FROB e vaino votar favorabelmente no Congreso este mércores?". Así analizaba este luns o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, a posición dos voceiros do PPdeG ao respecto do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). Critica Jorquera o paradoxo de que o PP galego afirme estar en contra da absorción das caixas galegas por entidades foráneas cando, na práctica, o PP votará en Madrid o marco legal que posibilita ese estremo.

O deputado do Bloque no Congreso cualificou ademais de "inaudito" o "silencio" do presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, diante do que os nacionalistas consideran unha "evidente violación das competencias autonómicas" que este decreto implica. "O decreto entrega ao Banco de España a facultade de autorizar as fusións entre caixas de distintas comunidades autónomas, eliminando o dereito de veto que sobre estas operacións asistía até agora aos gobernos autonómicos", censura Jorquera.

Entenden os nacionalistas que o goberno español trata de fomentar fusións e concentracións no sector financeiro e que pretendería evitar o obstáculo competencial dos gobernos autonómicos. "Por iso este FROB vai fundamentalmente dirixido a baleirar de competencias os gobernos autonómicos", apunta Francisco Jorquera, sinalando que frente a esta agresión xa se teñen manifestado os executivos de Andalucía e Cataluña. "O que é inconcebíbel é que Feijoo continúe calado", insiste o deputado galego.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: