A Asociación pola Defensa da Ría apela á "mobilización social" como único mecanismo para lograr que a factoría abandone a ría de Pontevedra.
Centos de persoas participaron este sábado á tardiña en Pontevedra na 'Marcha contra as celulosas' convocada pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) para reclamar o traslado da factoría de Ence fóra da ría e ratificar a súa aposta por "un modelo de desenvolvemento sostíbel" na comarca que permita crear novos postos de traballo.
Neste escenario, o presidente do colectivo, Antón Masa, advertiu de que "só a mobilización social" será "capaz" de lograr que "este foco de desaxuste económico e ambiental" abandone a ría de Pontevedra.
Masa acusou os sindicatos de Ence e a dirección da empresa de utilizar a "crise" de forma "interesada" para evitar o "peche" da fábrica. A continuación, indicou que a papeleira "non ten nada que ver" co desenvolvemento da comarca e contrapuxo o seu caso co de Citroën en Vigo. "É incomparábel", dixo e asegurou que Ence só xera "o 0,5% do emprego" na bisbarra de Pontevedra.
Valoración da política da Xunta
Ademais, sobre o cambio político na Xunta dixo que a actitude do novo Goberno é "un paso atrás", aínda que criticou tamén o anterior Executivo bipartito, o que acusou de "frustrar as esperanzas de moitos" coa concesión das autorizacións ambientais integrais que "garanten" a presenza da factoría até 2011.
Nesta liña, tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, manifestou o seu descontento coa actuación do bipartito con respecto a Ence e denunciou que a presenza na ría da papeleira equivale "a 60 anos de ocupación real" dun espazo natural que apostou por "recuperar" para que Pontevedra poida dispor "dunha praia urbana".