Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Censura na internet

O estraño sentido da moral de YouTube

O portal censura vídeos de contido educativo pero amosa sen reparos execucións reais, como a de Sadam Huseín.

Redacción - 14:00 25/05/2009

A web de vídeos YouTube non admite contidos eróticos ou pornográficos, aínda que segue uns criterios un tanto estraños para valorar se un determinado vídeo é apto ou non. Estas restricións servíronlles a diversos usuarios de foros de todo o mundo para emprender unha campaña de protesta pola retirada de vídeos musicais, outra das máis recentes restricións impostas por Google a petición das compañías discográficas.

Internautas de diferentes países organizáronse para subir masivamente a YouTube vídeos de contido pornográfico disfrazados con títulos referentes a ídolos da infancia, como Hannah Montana ou os Jonas Brothers, para burlar o sistema de control do portal. Aínda así, todos estes contidos foron eliminados dilixentemente polo equipo de moderadores de Google.

Pero YouTube pode considerar "pornográfico" ou "sensíbel" contido que, en realidade, non ten ningún tipo de intención erótica e pode amosar determinadas partes do corpo. É o caso de vídeos médicos de demostración de autoexploracións para detectar cancro de mama ou de testículos, que foron inmediatamente desactivados, ou de mulleres dándolles de mamar ás súas crianzas.

Porén, este puritanismo con respecto ao corpo humano non existe, por exemplo, fronte á violencia e as agresións físicas. Non é nada difícil atopar, por exemplo, o vídeo do enforcamento de Sadam Huseín, imaxes de brutalidade policial ou mesmo execucións sen ningún tipo de censura. Quizais todo isto teña que ver co feito de que YouTube ten a súa sede nos Estados Unidos de América e segue os peculiares conceptos de moralidade norteamericanos.


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: