A ourensá atendeu a Vieiros dende Madrid, onde está adestrando para chegar no mellor estado de forma posíbel ao campionato estatal.
Lorena Luaces adestrando
Lorena Luaces ten 24 anos e leva máis de 10 practicando a marcha. A pasada fin de semana gañou o campionato galego, mellorando ademais un récord do ano 1998. Luaces impúxose con claridade no circuíto dos Cantóns, na Coruña, facendo un tempo de 47 minutos e 15 segundos que rebaixa en 23 segundos o anterior. Agora Lorena está en Madrid, adestrando nas instalacións da federación estatal ca intención de seguir evolucionando para mellorar os seus rexistros nos 20 quilómetros marcha, que son a súa especialidade.
Vieiros: Agardabas acadar un rexistro tan bo no campionato galego?
Lorena: Colleume un pouco de sorpresa. Sabía que estaba ben, pero non tanto como para facer esta marca. O meu mellor tempo era 47 minutos e 48 segundos. Agardaba rebaixalo, mais non tanto.
Malia ter acadado estes bos resultados nos 10 quilómetros es unha especialista na distancia de 20 quilómetros. Cales son agora os teus obxectivos inmediatos?
Mellorar no campionato de España de 20 quilómetros para poder ir a unha Universiada, ou poder achegarme ás compañeiras que foron este ano a Beixín. Facer un tempo de unha hora e 38 minutos xa sería moi bo, mais non sei en que nivel de forma vou estar porque aínda queda un mes por diante.
Tes esperanzas de participar no futuro nuns Xogos Olímpicos?
Se a vida me deixa si, pero só uns poucos teñen o privilexio de adicarse a isto dun xeito profesional. Despois de facer esta marca pasei a pensar que se en categorías inferiores estiven coas mellores tamén podo facelo agora. O que penso facer é seguir traballando e se dentro dun par de anos vexo a posibilidade de facer tempos próximos á hora e media, ou incluso inferiores, pensarei seriamente na posibilidade de acudir aos Xogos Olímpicos.
Como ves as xeracións que veñen por detrás no atletismo galego?
O atletismo está baixando moito en participación, pero tamén os outros deportes. Hoxe os rapaces teñen moitas alternativas para divertirse e deixan o deporte de lado. Si que hai futuro, porque hai rapaces e rapazas con bo nivel que o día de mañá poden estar arriba.
Que tal están as infraestruturas deportivas no país?
En Ourense mal porque non hai pista. A nivel de Galiza só sei que se vai facer unha reforma importante da pista de Vigo. Eu veño a Madrid por unha cuestión de grupo de adestramento. Aquí adestro con algunhas das mellores marchadoras do estado e iso axúdame a mellorar.
Cantas horas adoitas adestrar ao día?
Depende das posibilidades que teña, pero o normal son dúas, tres ou catro horas ao día.
Supón un problema integrar esta disciplina de traballo dentro da túa planificación diaria?
Levo facendo este deporte dende os 11 ou 12 anos. Está incluído nas miñas rutinas e non me supón moito esforzo.
Pensas que o feito de ser unha disciplina moi técnica fai máis difícil que a marcha enganche a máis xente?
O principal problema que ten ven do feito de ser unha disciplina dura. Nós non captamos xente como o maratón ou os 1.500 metros lisos, é difícil que a marcha che entre polo ollo. Tampouco estamos axudados economicamente como os 1.500. A min paréceme unha disciplina moi bonita e trátase da que máis alegrías lle da á federación española nos campionatos internacionais.