Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NAS BALSAS DE DECANTACIÓN

Denuncian ante a Fiscalia a Ence por recheos que poñen en perigo a ría

Os ecoloxistas exixen que os residuos altamente contaminantes da empresa se traten cos mínimos de seguridade que establece a lei.

Redacción - 09:00 29/10/2008

As balsas de decantación son un recurso do que se dotou o complexo industrial de Lourizán nos seus inicios para a recollida dos residuos líquidos. Estes depósitos están hoxe en desuso, logo da construción da depuradora, e o obxectivo da empresa era o de reenchelos, nun primeiro momento para habilitar o terreo para a construción da fábrica de papel tisú. Porén, as accións de colectivos como a Asociación para a Defensa da Ría (APDR) impediron estes recheos, que multiplicarían o perigo de contaminación. No seu interior acumúlanse sedimentos e lodos contaminados, fundamentalmente con mercurio, uns metais que poderían chegar á ría a través de algún acuífero e provocar unha catástrofe ambiental.

Malia todo, a APDR xa denunciou en reiteradas ocasións ante a Consellaría de Medio Ambiente e fronte á Dirección Provincial de Costas que agora Ence está a reencher estas balsas de decantación, en concreto a número catro, que contén grandes cantidades de mercurio. Para demostralo achegan fotografías de satélite do servizo de imaxes de Google Earth onde se poden comprobar diferenzas neste depósito que demostrarían que se están a efectuar recheos nesa zona.

Até o de agora non recibiron resposta por parte das administracións, o que os animou a dirixirse á Fiscalía para que actúe de oficio e investigue os feitos. "A Consellaría dinos o mesmo que a empresa, que non se están a realizar ningún tipo de recheos, mais non hai ningunha referencia a unha comprobación efectiva da súa existencia", dinos Antón Masa, presidente de APDR.

Sanción para Ence
"Agardamos que a factoría sexa sancionada economicamente, e que reciba unha multa contundente", di Masa. O que piden é que os residuos que xera a pasteira, altamente contaminantes, se traten cos mínimos de seguridade que estabelece a lei: "a solución sería inertizar eses residuos e depositalos en vertedoiros axeitados".

En canto ao perigo que supón para a ría, Masa asegura que non é unha cuestión menor: "ese mercurio podería ser arrastrado polas augas". Con todo, non hai datos das cantidades deste metal que puideran ter traspasado a balsa para chegar ao mar, máis "tratar con residuos contaminantes nun lugar coma este supón riscos evidentes e non se pode descartar esa posibilidade". A APDR agarda agora que o fiscal atenda ao seu cometido e vixíe polo cumprimento da legalidade.


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: