Coa chegada do bo tempo, comezan as ligas e circuítos dos deportes que se practican na auga, como o piragüismo, o remo ou o triatlón (unha terceira parte del).
Logo da Liga Galega de Traíñas
A Liga Galega de Traíñas chega esta fin de semana á súa cuarta tempada. O sábado preséntase, e o domingo comeza a competición, que se prolongará até o 31 de agosto, percorrendo diversos lugares da costa galega, e mesmo da asturiana.
Presentación dunha nova tempada, a cuarta
O sábado, ao mediodía desenvolverase, nos Xardíns Méndez Núñez da Coruña, a presentación desta nova tempada, coa asistencia dos remeiros dos 16 equipos que han participar na competición (AD Esteirana, CR Rianxo, CR Puebla, C Regatas Perillo, CR Ares, CR A Cabana, CR San Felipe, SD Samertolameu, CR Chapela, RC Náutico de Vigo, CR Coruxo, CR Vila de Cangas, CM Bueu, CR Mecos, Amegrove CR e CR Vilaxoán), que, ademais, han traer as súas embarcacións, que se expoñerán ao público que se achegue.
Na presentación han estar tamén, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, apoiando un deporte con forte tradición en Galiza.
A competición comezará o domingo coa Bandeira de Ares, ás 11:30 horas. Despois aínda faltan 15 competicións máis puntuábeis, e unha non puntuábel tras a que se coñecerá o nome do equipo vencedor. O ano pasado venceu a SD Tirán, seguida de Samertolameu e do Náutico de Vigo.