O galego vai a Vancouver este domingo a correr, nadar e subir na bici no Campionato do Mundo. Con el tres galegos máis: Iván Raña, Pilar Hidalgo e Aida Valiño.
A lucense Aida Valiño compite na categoría Sub 23
O vindeiro domingo 8 de xuño dispútase en Vancouver (Canadá) o Campionato do Mundo de Triatlón Elite e Sub 23.
Para este evento, a federación estatal seleccionou 8 deportistas, entre eles, catro galegos: Iván Raña, Xavier Gómez Noya, Pilar Hidalgo e Aida Valiño. Os tres últimos, ademais, compiten co Cidade de Lugo Club Fluvial.
Vancouver é o chanzo que lle queda a Gómez Noya que quere gañar o ouro no que podería ser o primeiro Campionato do Mundo do triatleta ferrolán (o ano pasado foi subcampión).
Á conquista do ouro
O líder da Clasificación Olímpica ten unha moi boa oportunidade, este domingo, de gañar o seu primeiro Mundial e, ao tempo, conseguir desquitarse, ao seu xeito, dos franceses que, capitaneados por Frederic Belaubre, fixéronlle unha xogada sobre a bicicleta no Europeo de Lisboa, que poderían volver tentar facer en Vancouver.
Mais Gómez Noya anda con forzas, e hai dúas semanas demostrou por que é o actual gañador da BG Copa do Mundo, ao colgar o ouro do pescozo na proba madrileña.
Entre os favoritos na loita polos metais, ademais do ferrolán está outro galego, Iván Raña; o francés Belaubre (que foi Campión de Europa en 2005, 2006 e 2008); o canadense Simon Whitfield (Campión Olímpico en Sídney 2000); o neozelandés Bevan Docherty (Campión do Mundo en 2004); o checo Filip Ospaly: os suízos Reto Hug e Olivier Marceau; e o alemán Maik Petzold.
E as mozas
Polo seu lado, as mozas galegas seleccionadas equipo estatal tamén teñen os seus obxectivos marcados para este domingo. Pilar Hidalgo quere, antes que bater á campionísima portuguesa Vanessa Fernandes (que busca o seu segundo título mundial), facer, polo menos, un sexto posto, para entrar na selección de triatletas que a federación española vai levar este verán a Beixín.
Polo seu lado, a lucense Aida Valiño quere quedar entre as mellores de súa categoría, a sub 23, e desquitarse da caída que sufriu o ano pasado, ano no que foi sexta no Europeo. Hai dúas semanas Valiño foi tamén subcampioa de Europa de duatlón, demostrando, máis unha vez, que ten posibilidades no Mundial.
Desta volta todos os participantes (hai moitas ausencias, o que evidencia o perto que están as Olimpíadas) deben nadar 1,5 Km na Baía Inglesa (dúas voltas), pedalear 40 km (oito voltas) e correr a pé 10 km máis (tres voltas ao circuíto).