Hai unha loita dialéctica entre os defensores dos dereitos constitucionais dos primeiros poboadores e os que temen que estas fronteiras virtuais ameacen a soberanía do país.
Saltou á palestra pública este mes, aínda que hai tempo que se debate nos foros sociais e políticos do Brasil: a existencia ou non da demarcación das terras indíxenas e, de facela, como ha de ser, continua ou en fraccións?
En abril comezaban os enfrontamentos en abril, no Mato Grosso do Sul, onde varios parlamentarios e representantes do goberno brasileiro principiaron a se organizar e opoñerse ao recoñecemento dos dereitos constitucionais dos pobos indíxenas.
A demarcacións das terras indíxenas no Matto Grosso do Sul
Despois dunha espera de máis dun lustro, o Estado Brasileiro ouviu as inquedanzas dos líderes das tribos Guaraní Kaiowá, e asinou un acordo para reiniciar os estudos antropolóxicos para a demarcación física dos seus territorios. En novembro do ano pasado o Ministério da Justiça, o Ministério Público Federal, a Funai (Fundação Nacional do Índio) e 23 líderes indíxenas asinaron un documento no que se acordaba que a primeira semana deste mes comezarían os traballos para delimitar 36 terras deste pobo.
Aí están, e o prazo para a entrega dos traballos está previsto para abril de 2010. Agora mesmo a situación desta tribo é unha das máis desesperadoras do Brasil, posto que fican máis dun cento de terras por lles devolver, e son perto de 40 mil persoas as que viven nunha zona máis ben pequena, confinados, o que non lles permite cultivar os produtos precisos para comer, e hai fame e un alto índice de suicidios e asasinatos.
Mais da outra banda están os facendeiros, que agora mesmo ostentan as terras
A pesar de toda a urxencia en recoñecer as terras, o día 8 de abril quince representantes da Assembléia Legislativa do Estado declararon a súa oposición a este feito: "A demarcación de terras particulares para convertelas en terras indíxenas constitúe unha ofensa ao dereito da propiedade, ao debido proceso legal, ao control do poder xurisdicional, en fin, unha ofensa á seguridade xurídica e ao Estado democrático de dereito", podíase ler no seu manifesto.
De entre os asinantes deste manifesto destacou o deputado estadual Zé Teixeira, quen foi alén das declaracións dos seus compañeiros, dubidando da identidade do pobo Guaraní Kaiowá: "Cal é o hábito e o costume que o indio ten nunha propiedade na que el non vive dende hai máis de 40 anos", afirmou o deputado, ao tempo que completaba, "como se vendeu a terra do indio, se (o indio) nunca foi dono de nada?".
Porén, ao contrario do que argumenta Teixeira, sábese que hai feitos históricos e antropolóxicos incontestábeis que determinan que as terras pertencen aos indíxenas. Nalgunhas delas mesmo hai numerosas familias vivindo en pequenos poboados, á beira das estradas e nalgunhas zonas afastadas das facendas. O resto están confinados nas reservas.
Tamén hai problemas no Estado fronteirizo de Roraima
O conflito comezou na Raposa Serra do Sol, ao norte do fronteirizo Estado de Roraima, onde foron feridos, na primeira semana de maio, varios indíxenas a mans de mercenarios, contratados polos facendeiros (a maior parte deles, arroceiros).
Nesta zona existe unha reserva, mais os indios reclaman o seu asentamento histórico, baseándose no decreto presidencial de 2005 que ordenaba a retirada dos arroceiros da rexión. A operación de lles devolver as terras aos seus antigos posuidores había estar en mans da Policía Federal, mais o decreto foi suspendido polo Supremo Tribunal Federal este mes.
O presidente da Funai, Márcio Meira afirmou esta semana que se o Supremo Tribunal Federal (STF) decidise terminar coas demarcacións da terra indíxena na Raposa Serra do Sol, ou se se fixese unha nova demarcación, descontinua, poderían poñerse en risco todas as outras demarcacións homologadas do país.
Segundo Meira, as demarcacións de áreas indíxenas sempre foron feitas de forma continua e, para el, esas áreas "serán as únicas illas de bosques preservadas na Amazonía de aquí a 50 anos".
As voces que apoian os indíxenas
Mais o conflito cos arroceiros na Raposa Serra do Sol está lonxe de terminar, e pesar das voces de solidariedade ouvidas, tamén as hai, e moitas, contrarias á demarcación, por considerar que o que se quere facer unha pequena Cosova ao norte do Brasil, ou pensar que hai intereses agochados, como as arelas de quedar coas minas de ouro da zona.
Polo outro lado, as dos defensores. A semana pasada xuntábanse voces nun acto contra a mudanza das demarcacións das terras. Durante o evento, promovido polo Grupo de Estudos em Direito Indigenista da USP, destacou o discurso de Dalmo Dallari, profesor desta universidade, quen dixo que "os indios non están pedindo un favor. O que eles queren é que os seus dereitos sexan respectados. A argumentación de que a presenza do indio na fronteira fraxiliza a soberanía nacional xa foi destituída na Constituínte. Portanto, só se debe cumprir o que está estabelecido na Constitución", dixo, rebatendo as alegacións de varios militares brasileiros, que ven a extensión da reserva como unha ameaza á seguridade nacional.