Voceiros de Batasuna fixeron o anuncio na tarde do domingo, despois dos enfrontamentos acontecidos durante a manifestación prohibida polo xuíz Garzón.
Mikel Etxaburu, membro da Mesa Nacional de Batasuna, fixo de voceiro principal da formación política este domingo en Bilbo, onde afirmou que "non é posíbel acabar co movemento independentista" e expresou a convicción de que a esquerda abertzale seguirá mantendo "unha actitude firme e decidida en defensa de Euskal Herria" fronte ao que cualifican de "estado de excepción".
Batasuna criticou que se impedise a manifestación convocada para este domingo e na que "milleiros de abertzales pretendían denunciar a represión que o goberno español está cometendo contra Euskal Herria". Etxaburu definiu de "maquinaria represiva" o que na opinión do seu grupo é unha coordinación dos ámbitos político, xudicial e policial e laiouse especialmente da "criminalización" e das detencións de "ducias de mozos independentistas".
A manifestación deste domingo en Bilbo foi disolta pola Ertaintza despois de ser declarada ilegal polo xuíz Baltasar Garzón. Os enfrontamentos acontecidos remataron coa detención de catro persoas.
Poden ampliar en Gara e no Diario Vasco.