Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O NOSO TABOLEIRO

Xuntanza da Coordenadora de Crentes Galegos

O 29 de setembro houbo reunión da Coordinadora de Crentes na que participaron representantes dos grupos de Santiago, A Coruña, Vigo, Ferrol, Irimia, Encrucillada e Mulleres Cristiás galegas. O resumo da reunión é a seguinte:

Miguel Fernández - 17:14 19/10/2007
Tags:

1.- Valoración da Romaxe: Fíxose unha valoración moi positiva e salientáronse como elementos máis destacables o espírito de unidade entre os participantes; o contido da celebración e o propio labor de Xabi como primeiro “oficiante” da mesma; a participación da comunidade parroquial de Madrid convidada á Romaxe; a oración da tardiña nun marco espléndido. Como un aspecto a mellorar, consideramos que houbo un exceso de precipitación co horario da tarde, aínda que a Quenlla tivera que marchar puidemos estar máis tempo de sobremesa. Unha suxestión foi que ese espírito de irmandade coa Comunidade parroquial de Vallecas podia manterse outros anos convidados a outras persoas e/ou grupos “perseguidos”. Como complemento, informouse de que a xuntanza que se tiña solicitado co Arcebispo de Santiago en relación coa Romaxe íase celebrar o mércores día 3 de outubro, cun talante de achegamento, pero amosando tamén a fortaleza da nosa historia, do noso movemento e do importante valor que para a comunidade crente galega ten e tivo a Romaxe durante trinta anos. 2.- Asemblea de Redes Cristiás. Fíxose un chamamento para facer efectivas xa as inscricións, falouse de cuestións relacionadas coa intendencia da viaxe (desprazamentos, hoteis, etc). Despois comentamos o traballo principal da Asemblea que se traducirá na aprobación de dous documentos básicos: un de carácter programático e outro de liñas de traballo e de organización máis concretas a dous anos vista. (os documentos xa circulan pola rede e poden pedirse a poñer correo de Jose cho). Definimos e concretamos as liñas do Taller de diversidade familiar que desenvolveremos na Asemblea, con tres partes sobre a familia na historia, a familia no mundo e a familia hoxe e aquí, que elaboramos os grupos de Santiago, Vigo e A Coruña. 3.- Asemblea de Crentes Galegos Só establecemos a data (o sábado día 26 de abril) e valoramos a posibilidade de facela nun lugar público onde tivese máis difusión, coma o Auditorio de Santiago ou dos centros sociais grandes da cidade. A temática aínda non se concretou, pendentes tamén das liñas que se poidan definir na Asemblea de Redes. 4.- Misa de Rosalía A cuestión de asumir como coordenadora a organización da misa, que se incluía habitualmente nos actos que organizaba o Patronato Rosalía de Castro en conmemoración da escritora, rexeitouse por non ter claro o sentido dun acto deste tipo, que o propio Patronato nos seus novos estatutos quere eliminar. A vindeira xuntanza quedou fixada para o sábado día 24 de Novemebro ás 10:30 h, co compromiso, porque non houbo tempo nesta, de preparar e difundir o tradicional documento de nadal que elaboran os grupos da Coordenadora.


0/5 (0 votos)