Xeraría dous terzos da riqueza da provincia coruñesa e tería arredor da metade da poboación.
"Estaríamos a falar dunha estrutura territorial con masa crítica suficiente para poder dialogar e competir con estruturas semellantes no eido das eurorrexións", comentou o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, durante a súa intervención na xornada técnica de Planificación e desenvolvemento de áreas metropolitanas, que organizou o Consorcio das Mariñas.
O Parlamento debaterá a lei este outono
Será á volta deste verán cando o Parlamento debata o proxecto da Xunta que botará a andar as áreas metropolitanas. Serán en principio dunhas grandes áreas, unha no sur, no contorno da comarca de Vigo, e outra ao norte, que abranguerá máis aló da estrutura nacente a partir da mancomunidade de concellos das Mariñas para estabelecer sinerxias tamén con Ferrolterra.
Os obxectivos básicos son dous: "crear un espazo de planificación económica", que facilite a previsión de grandes infraestruturas, desenvolvemento empresarial, creación de emprego, e solo industrial; e crear as condicións para a "xestión de servizos supralocais" buscando maior eficiencia.
"É un proxecto ambicioso, que esixe o consenso e a cooperación dos poderes locais, pero tamén é un proxecto no que desexamos facilitar a participación das institucións económicas, sociais e académicas buscando precisamente a sinerxia de actuacións entre todos os actores dun mesmo territorio", explicou Méndez Romeu. O conselleiro avalía que no contorno próximo ao que sería o proxecto de área metropolitana A Coruña - Ferrol só existe a área portuguesa de Porto, "cun tamaño e unha capacidade económica comparable ao que resultaría dun área deste tipo".
Os concellos de Ferrol e Narón inician unha colaboración
Pola súa banda, os alcaldes dos municipios de Ferrol e Narón apostan polo desenvolvemento dunha grande área metropolitana entrambos os dous concellos e os próximos, onde se estabelecesen servizos mancomunados como o transporte metropolitano ou a subministración de auga. O alcalde socialista ferrolán, Vicente Irisarri e Xoán Gato mantiveron este venres unha xuntanza que deu comezo a un “cambio de filosofía”, pasando dos "enfrontamentos" á "colaboración". Como indicou o rexedor de Narón e líder de Terra Galega, Xoán Gato, "ambos os dous concellos vivían de costas". Irisarri falou da posta en marcha dun organismo supramunicipal a disposición dos cidadáns, o parque comarcal de bombeiros, que agarda que se defina, en investimentos e situación, antes de finais de 2007; o transporte metropolitano; a seguridade; ou a posta en común de servizos para o terreo industrial, coa vinculación das zonas industriais previstas en Ferrol co polígono río do Pozo de Narón. “Se esta relación frutifica, estenderase a outros Concellos como Ares ou Fene”.